Iván Puentes, do PSOE: "O BNG se quere a alcaldía, se quere formar parte do goberno, terá que negociar"

Pontevedra
29 de maio 2023

O representante socialista alerta do novo escenario establecido polos resultados das eleccións municipais celebradas este domingo 28 de maio. "Ningún partido vai ser muleta ou bastón de ninguén para prestar votos a cambio de nada", advirte Puentes de cara a establecer as negociacións co BNG para acadar un pacto de goberno

Iván Puentes na Praza de España
Iván Puentes na Praza de España / PontevedraViva
Puentes analiza as opcións de chegar a acordo entre o PSOE e o BNG /

Iván Puentes, candidato socialista á alcaldía de Pontevedra, manifestaba este luns a súa alegría polos resultados obtidos nas eleccións municipais, onde o PSdeG-PSOE lograba un concelleiro máis que nos comicios de 2019 alcanzando os cinco.

O balance que realiza Puentes é que se reflicte unha melloría con 7.500 apoios, máis de 1.500 votos de ascenso, un 27%, "unha porcentaxe extraordinaria e, xunto coa Coruña, a única cidade onde se melloran os resultados" das agrupacións socialistas en Galicia, explicou o representante desta formación.

Puentes recoñecía a súa satisfacción porque considera que será unha forza política moito máis "decisiva, con máis peso e máis capacidade" durante o próximo mandato despois do anterior pacto de goberno co BNG. 

"Iniciamos un novo tempo. A corporación non se parece en nada á que había ata hoxe. Os equilibrios son totalmente diferentes", avanzou para sinalar que a cidadanía espera que os políticos fagan "gobernable" a cidade e explicou que existirá acordo co BNG de Lores dependendo das negociacións que se establezan:  "o PSOE non se presentou para ocupar ningún sillón no goberno municipal, para gobernar por gobernar, senón co obxectivo de evolucionar un modelo de cidade e esa vai ser a nosa folla de ruta".

En canto ao apoio á investidura de Miguel Anxo Fernández Lores como alcalde o próximo 17 de xuño, Iván Puentes adianto que o PSOE é "previsible, fiable, confliable. O que non imos facer é votar unha candidatura de Rafa Domínguez como alcalde. Iso enténdeo todo o mundo", admitiu.

Con todo, alertou á formación nacionalista que "o BNG non é a lista máis votada nin ten capacidade de chegar á alcaldía por se mesmo. O BNG se quere a alcaldía, se quere formar parte do goberno, terá que negociar, que é o normal, o natural en democracia. Temos 15 días por diante para buscar a fórmula de colaboración".

Insistiu en que aínda non falou con ninguén da formación nacionalista desde que se fixeron públicos os resultados e sinala que, nunha posible negociación, "non teño liñas vermellas" pero lembra que "non hai maiorías absolutas, ningún partido vai ser muleta ou bastón de ninguén para prestar votos a cambio de nada", engadindo que hai cuestións nas que o PSOE e o BNG discrepan:  "se hai entendemento, e esperamos que o haxa para gobernar esta cidade, ese pacto ten que ser a suma da visión das dúas partes, non dunha soa".

O representante socialista admitiu que quedou sorprendido cando Pedro Sánchez, presidente do goberno, anunciaba este luns a convocatoria das eleccións xerais para o 23 de xullo e sinalou que o escenario da constitución de Concellos producirase nunha época en que a perspectiva estará xa posta nesa nova cita coas urnas.