O rural centrou este domingo un dos faladoiros cos que o candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Pontevedra, Iván Puentes, está a debullar as súas propostas electorais. A cita, na que estivo acompañado polo edil Marcos Rey, foi nesta ocasión en Santa María de Xeve.
A principal promesa adiantada por Puentes neste encontro foi que proporá a consideración dos núcleos rurais como áreas de rehabilitación específica, que permitan aos propietarios de vivendas contar con axudas públicas semellantes ás das ARI do centro histórico ou de Estribela.
Isto permitiría, segundo o candidato socialista, que os propietarios das vivendas situadas nestes núcleos poidan acometer obras de restauración e renovación en base a uns determinados parámetros, polo menos mentres non se aprobe un novo PXOM.
Ademais, o programa do PSdeG-PSOE incluirá completar as redes parroquiais de abastecemento e saneamento, a creación dunha marca verde de calidade propia para os cultivos das hortas e veigas das parroquias ou transporte público gratuíto ou subvencionado en todo o rural.
Iván Puentes sostivo que tamén contempla a creación dun banco de terras que se atopan en situación de abandono para que se lle poida dar un uso social, o fomento de micro comunidades enerxéticas ou a redución do recibo do IBI nun 30% ás vivendas que carezan dalgún servizo.
Para lograr todo iso, os socialistas defenderán que se destine un mínimo do 10% do orzamento de investimentos a mellorar as condicións de vida dos habitantes das parroquias, mellorar os seus servizos e asentar a poboación nos núcleos rurais.
"Entendemos que os núcleos rurais deben acadar o liderado que lles corresponde e por iso comprometémonos a que o modelo de cidade se transforme en modelo de concello", asegurou Puentes, que aposta por impulsar un plan de mellora integral de rúas e vías rurais.
O programa electoral do PSOE recollerá, por último, a creación dun viveiro de empresas agrícolas e gandeiras, medidas para garantir que se cumpla o límite de 30 km/h ou a rehabilitación dos camiños veciñais primitivos para convertelos en vías verdes rurais.