Iván Puentes: "Se non hai diálogo, non nos tremerá o pulso para votar en contra do orzamento"

Pontevedra
19 de decembro 2023

Tras seis meses dun goberno municipal que, segundo o PSOE, estiveron marcados "pola falta absoluta de diálogo, pola imposición e pola prepotencia" do BNG, os socialistas confían en que 2024 permita un maior entendemento entre os ex socios de goberno

Yoya Blanco, Iván Puentes e Marcos Rey, no pincho de Nadal do PSOE
Yoya Blanco, Iván Puentes e Marcos Rey, no pincho de Nadal do PSOE / Mónica Patxot

Tras seis meses dun goberno municipal que, segundo o PSOE, estiveron marcados "pola falta absoluta de diálogo, pola imposición e pola prepotencia" do BNG, os socialistas confían en que 2024 permita un maior entendemento entre os ex socios de goberno.

Nun encontro cos medios de comunicación, Puentes sinalou que o alcalde "segue en shock" tras as eleccións de maio, sen asumir que gobernan en minoría, e "vai sen freos, costa abaixo e como un kamikaze en sentido contrario pola autoestrada".

"Seguen emperrados en gobernar coma se tivesen maioría absoluta", lamentou o portavoz socialista, que sostivo que "o sentido común ditaría pacto, diálogo e acordo pero iso, nestes momentos, está moi lonxe de ser unha realidade".

Ata o de agora, segundo Iván Puentes, os socialistas exerceron unha oposición "dura pero construtiva", votando a favor de iniciativas do actual goberno municipal "cando houbo vontade de diálogo e de acordo", como nas dúas modificacións de crédito.

A pesar diso, sinalou Puentes, "o único que recibimos foi hostilidade e un BNG teimudo en paralizar todas as obras que levasen o selo do PSOE no mandato anterior", sen que exista ata o momento "nin unha soa idea ou proposta nova".

Ante esta tesitura, advertiu o líder do PSOE, se non se retoma o diálogo para aprobar os orzamentos municipais de 2024, "non nos vai a tremer o pulso" para votar en contra, polo que confía en que o BNG rectifique e "sexan capaces de ver a necesidade de entendemento".

"Ao PSOE non se nos pode pedir moito máis", sostivo o edil socialista, porque "quen está nunha postura de dicir que non a todo e de non ceder nada" son os nacionalistas, aínda que engadiu que "non imos dar por pechado o diálogo ata o último momento".

Iso si, esta posición do PSOE pontevedrés non implica que poida facilitar "de ningunha maneira" un goberno liderado por Rafa Domínguez a través dunha moción de censura "máxime despois de comprobar como xestiona a Deputación dunha maneira que non é precisamente brillante". 

"Se xa tiñamos claro que Domínguez non ten capacidade para gobernar esta cidade, despois destes seis meses temos aínda máis claro que non dá a talla para ser alcalde", sentenciou Iván Puentes, polo que "desde logo non a vai gobernar cos votos do PSOE".