Jacobo Moreira pide a institucionalización do día 17 de agosto como Día da Galicia Mártir

Pontevedra
17 de setembro 2015

O portavoz municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, decidiu seguir o camiño iniciado polo seu compañeiro de filas, o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, asinando o documento oficial de adhesión coa causa que persegue a Fundación Alexandre Bóveda para levar ao Parlamento Galego a solicitude de institucionalización do día 17 de agosto como Día da Galicia Mártir para honrar a memoria dos galeguistas represaliados polo franquismo

Jacobo Moreira asinando a súa adhesión coa causa que persegue a Fundación Alexandre Bóveda Mónica Patxot

O portavoz municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, decidiu seguir o camiño iniciado polo seu compañeiro de filas, o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, asinando o documento oficial de adhesión á causa que persegue a Fundación Alexandre Bóveda para levar ao Parlamento Galego a solicitude de institucionalización do día 17 de agosto como Día da Galicia Mártir para honrar a memoria dos galeguistas represaliados polo franquismo.

"Para min é un día moi especial", asegurou Jacobo Moreira no seu convencemento de que "a figura de Bóveda é patrimonio de todos".

Moreira trasladou o seu desexo de que "o goberno de Estado faga unha declaración formal de nulidade do xuício", como pretende a Fundación, "é un acto de Xustiza, para Alexandre Bóveda e para outras moitas persoas que tamén foron represaliadas durante a Guerra Civil, creo que a todas elas lles debemos unha reparación", engadiu.

Tamén asinou o documento César Abal como concelleiro pontevedrés, cargo ao que sumou Moreira a súa condición de parlamentario galego.

César Abal confesou a súa "alegría" tras esta firma e definiuse como "galeguista" e tamén un "grande e firme admirador de Don Alexandre Bóveda", lamentando que tivesen que pasar tantos anos para rehabilitar a súa figura.

A sede da Fundación Alexandre Bóveda, situada na segunda planta do Pazo de Cultura da cidade do Lérez, foi o escenario elixido para rubricar este acordo que compromete a Jacobo Moreira e a César Abal a dignificar a figura e a traballar para rehabilitar o nome do político e galeguista pontevedrés, fusilado o 17 de agosto de 1936 na Caeira.

Moreira sinalou que ao próximo pleno municipal o PP presentará unha moción en este mesmo sentido.

Aínda que non puido asistir a este acto, Valentín García Bóveda, quixo enviar unha mensaxe aos concelleiros populares agradecendo o seu apoio "dende a familia e a Fundación Alexandre Bóveda" e apuntando que "os dereitos humanos precisan xa dunha acción política de xestualidade. Isto é, un paso cara o obxectivo que pretendemos conseguir e que agora estamos a procurar".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora