Jacobo Pérez cumpre 100 días como alcalde de Caldas "cumprindo cos obxectivos que nos marcamos"

Umia
08 de abril 2025
Actualizado: 09 de abril

O rexedor asegura que "avanzamos en todos os obxectivos que nos marcamos para consolidar a nosa vila como capital da bisbarra"

Jacobo Pérez Gulín, co bastón de mando como alcalde de Caldas de Reis
Jacobo Pérez Gulín, co bastón de mando como alcalde de Caldas de Reis / PSdeG-PSOE

O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, fai un balance positivo dos seus primeiros 100 días no cargo.

"Estamos cumprindo cos obxectivos que nos marcamos para consolidar Caldas de Reis como capital da bisbarra", asegura.

Neste sentido o rexedor destaca os avances conseguidos á hora de axilizar ou desbloquear algúns proxectos importantes para dar resposta a demandas históricas dos veciños.

Un deses avances é a firma do convenio coa Xunta de Galicia para a construción do novo centro de saúde, así como a posibilidade de ampliar o solo industrial no municipio en colaboración coa Zona Franca de Vigo.

Pérez asegura que actualmente se está a traballar no estudo de viabilidade ambiental do polígono de Paradela - Carracedo, un documento que previsiblemente estará listo antes de verán e que "suporá un pulo moi importante para o tecido económico da nosa vila e de toda a bisbarra"

Ademais, afirma, o Concello de Caldas está a traballar xunto ao Ministerio do Interior para impulsar a concesión dos terreos próximos ao cuartel que permirtan desenvolver a mellora da seguridade viaria na Travesía de Dona Urraca.

Jacobo Pérez destacou, por último, as actuacións destinadas a mellorar os servizos básicos no rural, como a limpeza de cunetas e vías ou os proxectos encamiñados á ampliación do saneamento, así como proxectos de futuro como as obras do Fogar do Maior que será inaugurado nos próximos meses.

Por ese motivo puxo en valor "o labor transversal que están a realizar tanto os técnicos como o persoal e os operarios municipais de todos os departamentos, que permiten que esteamos avanzando en tempo récord".