Javier Amaro, afectado pola falta de avisadores nos semáforos: "É un risco de vida ou morte atravesar algunhas rúas"

Pontevedra
22 de xuño 2025
Actualizado: 10:14

Este cidadán pontevedrés, que perdeu a vista hai catro anos, alerta sobre o perigo que supón para as persoas con discapacidade visual a ausencia de sistemas sonoros nos semáforos

Javier Amaro tenta accionar o semáforo da avenida de Marín

Pontevedra converteuse nas últimas décadas na cidade referente en mobilidade peonil.

Con todo, aínda enfronta retos en materia de accesibilidade para as persoas con discapacidade visual, segundo denuncia Javier Amaro, cidadán pontevedrés que perdeu a vista hai catro anos.

Un equipo de PontevedraViva seguiu a Javier, dende o seu domicilio na rúa Paseo de Colón, nun percorrido próximo, pola contorna da Alameda e As Corbaceiras.

Acompañado da súa esposa, Carla Gilbert, quere chamar a atención sobre as dificultades que as persoas cegas teñen para cruzar polos pasos de peóns en vías que soportan un alto volume de tráfico, dende que os avisadores sonoros dos semáforos deixaron de funcionar.

"É unha pena, porque Pontevedra hai poucos anos era unha cidade marabillosa para os cegos", afirma Javier Amaro. Destaca que o Concello "fixo unha cousa moi boa, que foi rebaixar os bordos das beirarrúas", o que lle permite camiñar co seu bastón sen sobresaltos.

Javier Amaro sinala co seu bastón as diferenzas no firme que serven de guía ás persoas invidentesMónica Patxot

Ademais, eloxia o esforzo de dotar de "pavimento podotáctil" á maioría dos accesos aos pasos de peóns, facilitando así a accesibilidade das persoas con discapacidade visual, xa que é unha referencia para orientarse. Este tipo de chan conta cun relevo na súa superficie a base de raias ou puntos, que permite que as persoas invidentes poidan recoñecelo e circular de maneira segura.

"En resumo, aínda que Pontevedra mellorou moito en accesibilidade, a perda dos sistemas de aviso sonoro nos semáforos supuxo un retroceso na seguridade e comodidade para os cegos na cidade", argumenta Amaro.

Explica que en pasos de peóns con pouco tránsito de vehículos, simplemente "boto o bastón un pouco cara adiante e os coches xa paran". Así o comprobamos cando se dispón a cruzar os pasos situados na intersección de Paseo de Colón coa rotonda da Alameda, que son superados sen dificultade por Javier.

A continuación, atopámonos no inicio da rúa San Roque, á altura da Escola Infantil O Toxo, cun paso de peóns regulado por un semáforo con varias luces intermitentes que advirten aos vehículos da prioridade peonil. "Este sistema, en principio, valería, porque é moi visible para os coches; o problema témolo no cruzamento ao que imos baixar agora", referíndose ao situado entre a rúa San Roque e As Corbaceiras.

Encamiñámonos a este punto, no que conflúe o tráfico de tres carrís, un de subida e dous de baixada até a rotonda das Corbaceiras, xunto á antiga sede da Autoridade Portuaria. Os dous semáforos atópanse en ámbar para os condutores. Ningún aviso máis, nin sonoro nin visual para os peóns.

Carla e Javier cruzan o paso peonil da avenida das Corbaceiras que carece de marcas guía no firme para persoas cegasMónica Patxot

O mesmo ocorre nos pasos de peóns das diferentes vías que conflúen na rotonda, as avenidas das Corbaceiras e de Marín, nas que os catro carrís, dous por cada sentido da circulación, carrexan "moito tráfico, e os coches adoitan circular moi rápido, aínda que teñen a limitación de 30, moito non a respectan", engade Javier.

A operativa repítese, Javier guíase polo oído para detectar que o tráfico está acougado e, a continuación, asoma lixeiramente o seu bastón para que os coches o vexan e se deteñan. E de súpeto irrompe outro perigo na escena.

Este medio puido comprobar en vivo como unha motocicleta de gran cilindrada a piques estivo de enganchar o bastón de Javier, que se freou violentamente ao escoitar o son deste vehículo. Adiantaba pola dereita os coches que se detiveron para permitir que o noso protagonista cruzase.

"Dende que deixaron de funcionar os avisos dos semáforos, é un risco de vida ou morte atravesar algunhas rúas de Pontevedra, como puidestes comprobar", ilustra Javier.

Tamén, uns metros antes, un ciclista tivo que facer unha parada brusca para non impactar contra Javier e Carla, que camiñaban pola beirarrúa. De novo, PontevedraViva foi testemuña deste incidente.

Ciclista circulando pola beirarrúa que a piques estivo de atropelar a Javier AmaroMónica Patxot

"Eu vou dende o Paseo de Colón só ao Hospital Provincial, que é un tramo longo. Por iso amólame non poder camiñar polo paseo das Corbaceiras e a avenida de Marín eu só. É unha zona que me gusta moito, moi tranquila, xunto á ría, pero chegar até aquí, sen avisadores nos semáforos, dáme moito medo", laméntase.

Javier Amaro Cendón foi xefe de Informática e Comunicacións da Subdelegación do Goberno e hai 45 anos, con outros compañeiros, montou a primeira agrupación de Protección Civil en Pontevedra e cooperaba con este servizo público como xefe da agrupación REMER, Rede de Emerxencias Radioaficionados, "o único que funcionou co apagamento".

Toda esta achega á sociedade, máis aló do seu horario laboral, agora que está xubilado e perdeu a vista por unha dexeneración macular, é inevitable comentarlle: "Que menos que agora, dende o outro lado, poidas recibir algo do que achegaches e polo menos se arranxen os semáforos". Ao que Amaro contesta cun sorriso cómplice: "Pois a verdade é que si. Eu tamén o creo".

E engade nun ton máis reflexivo: "Coa miña situación actual de cegueira deime conta de que mentres vemos, non nos preocupamos dos que non ven. Entón, dende que perdín a vista, un dos meus labores é dar a coñecer todos estes problemas".

Javier Amaro mostra como o seu bastón se engancha nas pedras levantadas nas beirarrúas xunto á AlamedaMónica Patxot

Ademais da ausencia de avisadores sonoros nos semáforos, quere chamar a atención do perigo que supón que o empedrado das beirarrúas da rúa Alameda, á altura da parada de taxis, estea a levantarse. "Aínda que o bastón ten un xiratorio na punta, tropeza, engánchase e pódeste caer para atrás, pero bo, non sei se ten fácil solución, pero se a tivese, ás persoas cegas axudaríanos moito para camiñar máis seguras", sinala.

"Eu creo que son cousas moi sinxelas, que con moi pouco esforzo pódense conseguir grandes logros. Xa fixen varias reclamacións ao Concello de Pontevedra pero non me fixeron moito caso. Cónstame que a ONCE tamén", remata.

Eloy Hermelo, director da ONCE en PontevedraMónica Patxot

Dende a delegación territorial da ONCE en Pontevedra, o seu director Eloy Hermelo confirma que a cidade avanzou moi positivamente en canto a mobilidade, con todo, "quedouse moi atrás en canto a accesibilidade para as persoas cegas".

Manifesta que as incidencias cos semáforos son tema recorrente por parte dos afiliados. Non sabería determinar dende cando están estragados, pero lembra que cando accedeu á dirección territorial hai seis anos xa non funcionaban os avisos sonoros. 

Hermelo confirma que, actualmente, na cidade só hai un semáforo funcionando con aviso sonoro, na rúa Uxío Novoneyra xunto ao cruzamento con Eduardo Pondal. Nesta última vía, que carrexa alta densidade de tráfico, "temos catro afiliados, tres deles son cegos totais e a demanda (de avisadores sonoros) é moi alta", remarca.

O director territorial confirma que trasladaron aos tres grupos municipais esta e outras problemáticas en diferentes reunións, e hai aproximadamente un ano e medio presentaron máis de 300 sinaturas con esta reclamación no Concello. "Estas firmas, no canto de presentalas por Rexistro, para que non sexan públicas e poidan ser obxecto de disputa política, mandámolas directamente a Alcaldía", recalca.

De momento, non tiveron resposta, como tampouco á petición de que nas plataformas únicas peonís se poñan referencias "para que unha persoa cega poida detectar co bastón" por onde está a camiñar, o chamado "pavimento podotáctil".

Indica que, cando hai unha obra nova, unha humanización ou unha peonalización, a ONCE pon a disposición do Concello os seus técnicos en mobilidade de forma gratuíta para que asesoren sobre as opcións de accesibilidade.

Neste sentido, a organización nacional desenvolveu o sistema Passblue, que para Hermelo sería unha boa solución para os semáforos da cidade, que ademais evitaría molestias de ruídos para os veciños.

Trátase dun receptor Bluetooth que se instala no semáforo, e dende a ONCE facilítaselle aos seus afiliados un pequeno mando que, ao chegar a persoa cega ao semáforo,se activa o aviso sonoro no momento no que se produza o cambio de estado. Este sistema xa está implantado en varias cidades de España, a máis próxima, Vigo.

Recentemente, o director de ONCE Pontevedra reuniuse co concelleiro de Urbanismo e Mobilidade de Soutomaior, dado que neste municipio viven dous afiliados que teñen que cruzar a estrada nacional ao seu paso por Arcade e o semáforo non é sonoro. Neste momento, están a buscar a maneira de facer os semáforos accesibles. Tamén en Vilagarcía de Arousa están a estudar a súa implantación.

Eloy Hermelo apunta que se trata dun sistema de baixo custo que non sería necesario instalar na totalidade dos semáforos da cidade. "Terase que facer un estudo de canta xente cruza ou se é unha zona sensible", é dicir, se é unha rúa de alta concentración de afiliados ou se se trata de cruzamentos perigosos.

Contactado por este medio, o Concello de Pontevedra asegura que actualmente están en pleno proceso de revisión todos os semáforos da cidade. Fontes municipais manifestan que aínda non se contempla a incorporación do sistema Bluetooth, xa que consideran que non todas as persoas invidentes dispoñen deste recurso e que a prioridade agora é reparar as incidencias existentes.