O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, estrea "Minutos Extra", un novo pódcast que nace coa vocación de ofrecer conversas pausadas e en profundidade sobre o presente e o futuro da provincia.
O seu primeiro convidado é o recoñecido chef Javier Olleros.
A primeira entrega, gravada no Pazo provincial, é un diálogo fluído no que se mesturan confesións persoais e reflexións arredor das Rías Baixas, un territorio que ambos coinciden en redefinir ampliando o foco máis alá da costa.
"Paréceme brillante visibilizar todos os lugares que forman parte das Rías Baixas", sinala Olleros, nunha idea que López completa cun matiz: "desde a cima ao fondo".
O pódcast, promovido pola Deputación, preséntase como un espazo de encontro con figuras "extraordinarias" de ámbitos como o turismo, a cultura, o deporte ou a sustentabilidade.
O seu nome, "Minutos Extra", evoca ese tempo engadido que permite reflexionar sen présas, máis alá da inmediatez do día a día.

Non é casual que o primeiro convidado sexa Javier Olleros, alma máter de Culler de Pau. Fundado en 2009 en Reboredo, no Grove, o restaurante converteuse nun referente da alta cociña galega contemporánea, recoñecido con dúas estrelas Michelin e tres soles Repsol. O seu enfoque, profundamente ligado ao territorio, combina produto local, sustentabilidade e innovación.
"É un proxecto de vida", explica o chef, que reivindica a tradición como punto de partida "é o resultado de onde vimos, dos que cociñaron antes". A súa aposta por unha cociña "desde a raíz, desde a aldea" foi, recoñece, unha carreira de fondo "sempre tiven que pelexar porque me dicían: ‘pero quen che vai vir aquí?’".
Tanto Olleros como López coinciden en que o rural galego vive un momento de revalorización. "O rural ten un potencial enorme, pero hai que crer nel", subliña o presidente. O chef vai máis alá asegurando que "agora mesmo o rural é un gran valor".
A combinación dos produtos do mar e da terra, xunto coa crecente proxección internacional da gastronomía galega, sitúan ás Rías Baixas nun escenario prometedor. "Veñen anos moi bos", conclúe Olleros, nunha idea compartida polo presidente.
O primeiro episodio de "Minutos Extra" xa está dispoñible na plataforma DepoPlay e chegará nos próximos días a outras canles como YouTube, Spotify ou Ivoox, abrindo así unha nova xanela para escoitar, con calma, as voces que están a construír o futuro da provincia.