Jesús Rey, novo presidente de AJE, entrega un cheque solidario á Asociación contra o Cancro

Pontevedra
14 de xuño 2019

A directiva da Asociación de Jóvenes Empresarios entregaba a Josefa Crespo, presidenta da AECC, os 1.000 euros obtidos con motivo da venda da axenda solidaria, unha iniciativa na que participaron empresarios e deportistas da cidade

Jesús Rey, presidente de AJE Pontevedra, entrega o cheque solidario a Josefa Crespo, presidenta de AECC
Jesús Rey, presidente de AJE Pontevedra, entrega o cheque solidario a Josefa Crespo, presidenta de AECC / PontevedraViva

Representantes da directiva da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE) encabezados por Jesús Rey, novo presidente deste colectivo, entregaba este venres un cheque de 1.000 euros á presidenta da Asociación Española contra o Cancro de Pontevedra, Josefa Crespo, na sede desta entidade.

Esta cantidade de diñeiro foi obtida durante os últimos meses grazas á venda da axenda solidaria editada por AJE coa participación de 15 deportistas e 15 empresarios, e coincide co 30 aniversario desta organización. Josefa Crespo indicou durante a entrega que estas axudas sempre permiten desenvolver a actividade deste colectivo en relación coas persoas que padecen cancro e cos seus familiares. 

Sinalaba que actualmente a asociación conta cun equipo de oito psicólogos e que aínda serían necesarios máis profesionais neste campo para poder atender ás máis de 5.000 sesións realizadas en 2018 a enfermos avanzados e familiares a través do equipo que se encarga da Atención Psicosocial.

Durante 2018, a asociación dedicou en Pontevedra máis de 142.000 euros a traballos de investigación para avanzar no coñecemento e tratamentos para esta enfermidade.