Jesús Rey, novo presidente de AJE, entrega un cheque solidario á Asociación contra o Cancro

Pontevedra
14 de xuño 2019

A directiva da Asociación de Jóvenes Empresarios entregaba a Josefa Crespo, presidenta da AECC, os 1.000 euros obtidos con motivo da venda da axenda solidaria, unha iniciativa na que participaron empresarios e deportistas da cidade

Jesús Rey, presidente de AJE Pontevedra, entrega o cheque solidario a Josefa Crespo, presidenta de AECC PontevedraViva

Representantes da directiva da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE) encabezados por Jesús Rey, novo presidente deste colectivo, entregaba este venres un cheque de 1.000 euros á presidenta da Asociación Española contra o Cancro de Pontevedra, Josefa Crespo, na sede desta entidade.

Esta cantidade de diñeiro foi obtida durante os últimos meses grazas á venda da axenda solidaria editada por AJE coa participación de 15 deportistas e 15 empresarios, e coincide co 30 aniversario desta organización. Josefa Crespo indicou durante a entrega que estas axudas sempre permiten desenvolver a actividade deste colectivo en relación coas persoas que padecen cancro e cos seus familiares. 

Sinalaba que actualmente a asociación conta cun equipo de oito psicólogos e que aínda serían necesarios máis profesionais neste campo para poder atender ás máis de 5.000 sesións realizadas en 2018 a enfermos avanzados e familiares a través do equipo que se encarga da Atención Psicosocial.

Durante 2018, a asociación dedicou en Pontevedra máis de 142.000 euros a traballos de investigación para avanzar no coñecemento e tratamentos para esta enfermidade.