José Manuel Abal, no "momento máis importante" da súa carreira, convertido no único intendente principal dunha Policía Local en Galicia

Pontevedra
01 de outubro 2025

Tomou posesión do cargo este mércores "consciente da responsabilidade" que adquire e destacou que terá ao seu cargo un  grupo de profesionais "excelente, do mellor que hai en Galicia"

José Manuel González Abal, Miguel Anxo Fernández Lores e Eva Vilaverde

José Manuel González Abal é xa oficialmente o segundo intendente principal da historia da Policía Local de Pontevedra, un cargo que ata agora só ocupara Daniel Macenlle e que estaba vacante desde a súa xubilación. 

Abal, que xa era intendente da Policía Local, chega, desta maneira, á cima do corpo policial e tamén pasa a ser o único xefe policial con esta categoría nas cidades galegas. "Agora mesmo en Galicia non hai ningún outro intendente principal e iso é dobremente un orgullo", destacou.

Este mércores, tomou posesión do cargo nun acto íntimo no Concello de Pontevedra coa presenza do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde; e o seu antecesor no cargo, agora xubilado como policía e director xeral de Protección Cidadá, Daniel Macenlle.

Xa como novo intendente principal, destacou que "sen dúbida hoxe para min é o día máis importante da miña carreira profesional", pois supón "chegar á máxima categoría" da Policía Local de Pontevedra. Supón "un orgullo persoal" chegar a este posto, unha praza que gañou nun concurso aberto convocada polo Concello. 

José Manuel González Abal e Daniel MacenllePontevedraViva

Abal leva na Policía Local de Pontevedra 25 anos, desde o ano 2000, e antes estivera outros 14, entre 1986 e 2000, na Policía Local de Marín.

Neste cuarto de século no Concello quixo amosarse "agradecido" polo "apoio e confianza" ao goberno local e, en especial, ao alcalde e a todos os concelleiros con responsabilidade en seguridade cidadá cos que traballou, Raimundo González Carballo, Guillerme Vázquez, Demetrio Gómez, Carme da Silva e Eva Vilaverde, ademais de Carmen Fouces durante a súa etapa como director xeral de recursos humanos. 

Tamén quixo agradecer a Daniel Macenlle  a súa "confianza" e asume o cargo "consciente da responsabilidade" que adquire, pois supón ter máis de 100 persoas ao seu cargo e, ademais, facelo "nunha profesión na que conflúen moitísimas sensibilidades que non son fáciles de manexar en moitas ocasións".

Destaca que son un grupo de profesionais "excelente, do mellor que hai en Galicia", e tamén que teñen unha "ampla gama de medios técnicos e materiais" que axudarán a conseguir o seu obxectivo para esta nova etapa, "prestar o mellor servizo posible á cidadanía en xeral e aos veciños e veciñas de Pontevedra en particular".

A preguntas da prensa, respondeu sobre a conflictividade laboral que caracterizou as relacións laborais dentro da Policía Local de Pontevedra con frecuencia nos últimos tempos e sinalou que intentará "rebaixar esa conflictividad e que o cadro de persoal estea contento, traballe a gusto". 

Nesta etapa, o seu obxectivo é "seguir na liña na que estamos", a que marcou Macenlle, pois pensa que é "a correcta" e "os resultados sempre foron excelentes".

Daniel Macenlle e José Manuel González AbalPontevedraViva

O alcalde destacou que, coa súa toma de posesión, complétase o cadro de mandos a nivel superior, pois é "o cargo más importante".

Agora, unha vez rematadas unha serie de xestións burocráticas, quedará vacante a praza de intendente, que tamén haberá que cubrir. Eva Vilaverde anunciou que se convocará en canto se xestione "unha formalidade", pero, en todo caso, en canto sexa posible, pois, segundo Lores, "interésanos que a policía teña cubertos todos os postos".

Recoñece que é "complicadísimo que estea completo sempre o cadro de persoal de policía", ao producirse baixas ou xubilacións, pero insiste en que esa é a intención do goberno local para un corpo que ten actualmente 110 policías en activo e no que a próxima semana se incorporarán outros sete axentes que acaban de rematar o período de prácticas. 

De Abal destacou Lores que ten "moitísima experiencia" e que no goberno local están "encantados de que se incorpore".

Eva Vilaverde, José Manuel González Abal e Miguel Anxo Fernández LoresPontevedraViva