A Asociación Veciñal Salcedo Norte conmemorará o Día Internacional da Muller, dedicando o acto previsto para o sábado 9 de marzo ás 19.00 horas no Centro Sur a Josefa Vázquez Juncal "Señora Pepa".
O evento leva por título "Mulleres con historia" e consistirá nunha charla coloquio presentada por Ángeles Jar Piay, vogal da área da mullera da A.V. Salcedo Norte. Na charla intervirán a xornalista e escritora especializada en Memoria Histórica, Montse Fajardo, e a investigadora e secretaria da Sociedade Galega de Antropoloxía, Ana Durán.
A cita pretende ofrecer unha reflexión sobre a contribución das mulleres ao longo da historia, destacando a vida da Señora Pepa, unha muller que foi veciña do barrio do Pino, amplamente coñecida na contorna pola súa relación coa importante fábrica de ferramentas asentada no barrio denominada "o Ferreiro do Pino".
Josefa Vázquez tivo un pequeno taller de costura, no baixo da súa casa, ademais de vender polas feiras e mercados as ferramentas da fábrica familiar transportándoas nun carrillo de cabalos.
Conta a memoria popular que a bandeira da Sociedade de Agricultores de Salcedo foi deseñada por Castelao e que a bordou esta muller da parroquia.
Segundo o colectivo veciñal, a Sra. Pepa bordou fío a fío, entre bágoas de dor, no silencio interminable da casa, o símbolo definitivo da resistencia, da dignidade e do compromiso dunha familia que nunca esqueceu, que permaneceu sempre en pé e que segue mantendo acesa a chama da memoria de todas as persoas que loitaron pola liberdade.. Na bandeira figuran na bandeira os emblemas do traballo: sacho, fouce e angazo.
A bandeira foi agochada nunha casa da parroquia onde permaneceu 64 anos. No ano 2000 foi entregada por Arturo Estévez ao Concello de Pontevedra e depositada no arquivo municipal., segundo recolle Xosé Álvarez no libro 'Pontevedra nos anos do medo', de edición Xerais.
A Señora Pepa tivo once fillos. Sufriu a represión dun xeito brutal pois o seu fillo máis vello, Edelmiro, dirixente do Partido Socialista, foi torturado e asasinado en Bora en 1936. As súas fillas Fina e Tucha foron apartadas da docencia, rapadas e encarceradas durante dous meses. O seu home, Antonio Dios, estivo preso durante cinco meses e ela foi vítima de multas, intervención na empresa familiar, persecucións e ameazas.