Persoal do departamento de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural do Concello de Pontevedra completou esta semana a instalación dun acceso de formigón que conecta a rúa Juan Bautista Andrade co aparcamento do estadio de Pasarón.
Trátase dunha senda peonil de dez metros de longo por 1,10 metros de ancho situada á altura da metade do aparcadoiro. "Os usuarios gañarán tanto en comocidad como en seguridade", sostén o concelleiro da área, Iván Puentes, posto que os peóns xa non terán que utilizar o acceso para vehículos nin pisar os xardíns para entrar ou saír deste recinto.
Ademais desta mellora e retomar as obras de construción do parque infantil de Médico Ballina, o servizo de Parques e Xardíns acaba de contratar a execución de traballos de roza no barrio da Fontesanta. Unha actuación que supón un investimento superior aos 4.600 euros. O mesmo departamento destinou outros 4.800 euros ao proxecto de embelecemento das zonas verdes que ornamentan os noiros da Gran Vïa de Montero Ríos.
Así mesmo, a concellería que dirixe o socialista Iván Puentes dedicou 4.600 euros á adquisición de plantas de tempada para as zonas axardinadas da Praza de España, así como para diversas rotondas, illotes ou espazos verdes do Concello.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.