As Marismas de Alba presentan xa unha renovada rede de sendas peonís

Pontevedra
22 de abril 2020

A área municipal de Medio Natural concluíu a execución do proxecto de rexeneración entre o Paseo da Xunqueira e a rúa da Gándara 

Obras de renovación nas Xunqueiras de Alba
Obras de renovación nas Xunqueiras de Alba / Concello de Pontevedra

Tras o parón obrigado polas medidas establecidas durante o estado de alarma, o espazo natural das Marismas de Alba xa dispón dunha renovación da rede de sendas peonís que poderán ser transitadas por viandantes e deportistas unha vez que se vaia aliviando o confinamento obrigado pola pandemia do COVID19.

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural concluíu o proxecto previsto de rexeneración dun tramo de 500 metros entre o Paseo da Xunqueira e a rúa da Gándara. A actuación foi executada pola empresa Construciones EC Casas contando cun investimento de algo máis de 12.000 euros.

Os espazos renovados están entre un das pontes que atravesa o río da Gándara - á altura da peaxe da AP-9 e a pasarela do Camiño Portugués a Santiago. Os dous tramos nos que se actuou, duns 250 metros, estaban moi deteriorados polas fortes choivas do pasado novembro e por unhas obras na zona con maquinaria pesada.

Durante a actuación de mellora levantouse a capa superior das sendas anteriores e aplicouse unha achega de xiable para asentar o firme. O concelleiro delegado de Desenvolvemento Sostible, o socialista Iván Puentes, que supervisou a obra, sinala que "o resultado é óptimo e os camiños esperan en perfectas condicións a que veñan tempos mellores para ser estreados. Tanto o Servizo de Medio Ambiente como o de Parques e Xardíns seguen poñendo a punto estes fermosos espazos naturais, parques e zonas de xogo de Pontevedra, que moi pronto volveremos ocupar, gozando deles como nunca".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora