Datos e imaxes sobre as súas rutas, fauna, flora, patrimonio e historia. Ese será o contido dos paneis informativos de sinalización que o Concello vai a instalar nos dous espazos naturais de interese local que hai no municipio, a Xunqueira de Alba e o río dos Gafos.
O servizo municipal de Medio Ambiente contratou por 3.000 euros á consultora especializada Equilátero para elaborar a información da decena de paneis explicativos que se instalarán nestes contornos naturais e que contemplan catálogos de aves, plantas e bolboretas.
En concreto, colocaranse tres paneis grandes, dun metro de longo por 1,5 de ancho, e dous pequenos, de 0,5 metros de longo por un de ancho, no ENIL da Xunqueira de Alba, e dous grandes e tres pequenos coas mesmas dimensións no do río dos Gafos.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, asegura que a nova sinalización "contribuirá a poñer en valor e divulgar os tesouros agochados nestes privilexiados espazos naturais encadrados en pleno corazón de Pontevedra".
No caso da Xunqueira instalaranse dous paneis grandes con información xeral e un co roteiro por ecosistemas, un pequeno sobre as aves do ENIL e un sobre a historia deste espazo, cuxa superficie abrangue 67 hectáreas repartidas en bosque de ribeira e en tres zonas húmidas.
O seu ecosistema agocha máis de 170 especies de plantas, 43 de bolboretas diúrnas, 14 de odonatos, 10 de anfibios, 7 de réptiles, 133 de aves e 13 de mamíferos. Entre a fauna máis destacada está a bolboreta euphydryas aurinia, a donceliña de mercurio, a rá patilonga e a rela común, a folosa acuática ou a lontra.
No que atinxe ao ENIL do río dos Gafos, que ten unhas 47 hectáreas de superficie, colocaranse un panel grande de información xeral e outro co roteiro de 7,5 quilómetros e tres pequenos sobre o seu patrimonio, as súas especies de bolboreta e as súas plantas, respectivamente.
Alí están catalogadas 180 especies de plantas vasculares, 11 de anfibios, 11 de réptiles, unha grande cantidade de insectos (entre eles máis de 50 especies diferentes de lepidópteros, 16 de odonatos e 35 de coleópteros), 92 especies de aves e 20 de mamíferos.
Entre os exemplares máis valiosos destacan plantas como o narcissus cyclamineus, anfibios como o sapo corrigueiro, a rá das veigas, a píntega rabilonga, a estroza, a rá patilonga e o limpafontes verde, réptiles como o lagarto das silvas e a cobra lagarteira común; aves como a garza denoiteira, a garza imperial, o miñato queimado, o falcón peregrino, a avenoiteira cincenta, o martiño peixeiro e a papuxa montesa e mamíferos como a lontra.