Kandinsky e a moda coincidirán este sábado no Mercado de Abastos

Pontevedra
10 de marzo 2016

Este sábado 12 vai desenvolverse unha nova edición da Sétima Feira no primeiro andar do Mercado de Abastos coa presenza de 17 postos e un obradoiro infantil que desenvolve un xogo interactivo sobre a obra do pintor ruso  

Presentación da Sétima Feira Moda + Arte
Presentación da Sétima Feira Moda + Arte / PontevedraViva

O primeiro andar do Mercado de Abastos converterase por segunda vez nun espazo no que se combine a moda e a arte a través dunha nova edición da Sétima Feira, un evento que levará a cabo este sábado 12 de marzo desde as 11.00 ata as 15.00 horas.

Nesta ocasión instalaranse 17 postos de venda de diferentes produtos que van desde xoiería a gastronomía coa participación de diferentes establecementos como A Tenda da Gata. Se na primeira edición, 25 empresas solicitaron a súa presenza na Sétima Feira para este sábado foron 52 as entidades interesadas. Nesta ocasión tamén se poñerá en marcha un obradoiro sobre as técnicas creativas do pintor ruso Kandinsky destinado a escolares entre 5 e 12 anos.

Ademais, esta segunda edición quérese centrar no téxtil, tanto desde o punto de vista creativo como no da venda. Por este motivo, a deseñadora Marta Moldes mostrará o seu método de traballo no primeiro piso do Mercado a todos aqueles que se acheguen, ao mesmo tempo que venderá pezas de roupa exclusivas. Tamén están previstas as actuacións musicais do dj Javi de la Torre e de Querido Extraño.

Na anterior edición cada posto obtivo unha ganancia media de 112 euros. Este éxito leva a que a organización xa conta con solicitudes para a edición de abril.

A Sétima Feira celébrase o segundo sábado de cada mes.

Arquivado en