A verbena, como é tradición, non faltarán nas Festas de Santa Rita, que se celebrarán en Vilagarcía de Arousa os días 21 e 22 de maio.
Será con dúas veladas nas que participarán dúas das mellores orquestras de Galicia: Kubo e Capitol. Ambas actuarán na Avenida da Mariña.
Ofrecerán en directo dous grandes espectáculos de diferente rango para cumprir cos gustos de todo tipo de espectadores.
Kubo é unha formación do novo estilo, que combina a interpretación de temas musicais con vistosas coreografías a cargo do seu corpo de baile. Non se definen como orquestra, senón como un grupo que mantén a esencia da verbena "dende outro punto de vista".
Creada hai dez anos en Pontevedra, a agrupación está integrada por cinco cantantes (mulleres e homes), cinco bailaríns e bailarinas e seis músicos.
O espectáculo do 21 de maio comezará ás 22:30 horas.
A orquestra Capitol, que chega desde Santiago, celebra este ano o seu corenta aniversario e actuará en Vilagarcía o día de Santa Rita, o 22 de maio, ás 21:30 horas.
Cunha estrutura máis tradicional, composta por catro cantantes (voces masculinas e femininas) e nove músicos, o seu repertorio inclúe un amplo abano de xéneros, con temas de actualidade que animan ao baile.
A calidade musical é a principal característica da formación que conta con varios traballos discográficos.
Con esta proposta, a Concellería de Cultura que dirixe Sonia Outón segue apostando polo sector musical galego da verbena e por manter a tradición das festas populares.