Vilagarcía e a Commonwealth renovan a colaboración para conservar o Cemiterio dos Ingleses

O Salnés
19 de marzo 2026

Vilagarcía e a Commonwealth War Graves Commission acordan a limpeza das lápidas e cruces para mellorar a súa lectura e preservar a memoria dos mariñeiros da Royal Navy alí enterrados

Visita ao Cemiterio dos Ingleses
Visita ao Cemiterio dos Ingleses / Concello de Vilagarcía

O coñecido como "Cemiterio dos Ingleses" de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, volverá ser obxecto de novas actuacións de conservación grazas á colaboración entre o Concello e a Commonwealth War Graves Commission (CWGC), a entidade británica encargada de preservar os espazos onde descansan os seus militares falecidos en servizo.

O acordo xurdiu tras a visita realizada este mércores ás instalacións pola cónsul honoraria do Reino Unido, María García de la Concha, e polo responsable de horticultura da CWGC, Steven Arnold, que estiveron acompañados pola tenente de alcalde, Tania García, o concelleiro de Obras, José María González, e a responsable municipal de Xardíns, Dolores Barreiro. Durante o percorrido, os asistentes puideron avaliar o estado do recinto e definir as necesidades de mantemento máis urxentes.

O diagnóstico foi positivo no que respecta á conservación das zonas verdes, unha tarefa que o Concello desenvolve de maneira continuada durante o ano.

Porén, detectouse a necesidade de actuar sobre as lápidas e cruces de pedra, onde a presenza de liques e musgos dificulta a correcta lectura das inscricións. O obxectivo é devolverlles a súa visibilidade e, con ela, reforzar a lembranza dos mariñeiros da Royal Navy enterrados neste lugar.

A tenente de alcalde incidiu na importancia de que estes traballos se realicen con criterios técnicos adecuados, dada a sensibilidade do material e o valor histórico do cemiterio, que, malia non contar cunha catalogación oficial como ben protexido, posúe un notable interese patrimonial.

Neste sentido, o Concello ofreceu a súa colaboración para contactar cunha especialista en restauración, a fin de solicitar un orzamento que será remitido á CWGC, que asumirá o financiamento da intervención.

A restauradora proposta será Iria López, profesional con experiencia en actuacións deste tipo e colaboradora habitual da administración local, o que garante un coñecemento preciso dos materiais e das técnicas máis axeitadas para este tipo de intervencións.

A visita enmárcase dentro dos encontros periódicos que a comisión británica realiza tanto en Vilagarcía como noutros cemiterios repartidos por España e Portugal, co obxectivo de supervisar o estado destes espazos e garantir o seu mantemento.

Cemiterio dos Ingleses
Cemiterio dos Ingleses    Turismo Rías Baixas

O British Naval Cemetery de Rubiáns foi creado en 1910 por iniciativa do vicecónsul británico en O Carril, Reginald Cameron-Walker. A súa creación responde á forte vinculación histórica entre a Royal Navy e Vilagarcía, unha relación marcada pola presenza frecuente de mariñeiros británicos na zona.

O camposanto naceu coa finalidade de ofrecer un lugar de descanso conforme á fe protestante daqueles tripulantes que falecían na comarca, garantindo así o cumprimento dos seus ritos funerarios.

Entre as persoas alí enterradas atópanse vítimas de naufraxios e accidentes marítimos, como os tripulantes do buque Serpent ou do vapor SS Alnwik Castle, afundido en marzo de 1917 tras ser torpedeado por un submarino alemán preto da costa de Cariño, en pleno contexto da Primeira Guerra Mundial.

Hoxe, máis dun século despois, o cemiterio continúa sendo un lugar de memoria que conecta Vilagarcía cun pasado marcado polo tránsito marítimo internacional e polos episodios máis duros da historia naval. A súa conservación, agora reforzada, busca precisamente manter viva esa pegada.