O Pleno da Corporación Municipal aprobou esta semana uns orzamentos "históricos" para o ano 2026, ao tempo que deu luz verde ao cambio de día da tradicional Feira da Lama, que pasará a celebrarse o cuarto venres de cada mes. A primeira cita desta nova etapa será xa este venres, 28 de novembro.
Co apoio do PPdeG, a abstención do PSOE e o voto en contra de IPR, as contas municipais para 2026 ascenderán a 1.828.400 euros, un 3% máis que este ano. O alcalde, David Carrera, destacou que o Concello leva xestionados este ano 4,5 millóns de euros, practicamente o triplo do orzamento inicial do exercicio.
Carrera subliñou que se mantén o equilibrio orzamentario e que o Concello paga aos seus provedores en menos de dez días, ao tempo que reduciu en 66.000 euros os créditos operativos e diminuirá a carga financeira ao 2,67% en 2026. "Os orzamentos son unha ferramenta viva. Non renunciamos a seguir ampliando investimentos e servizos para a veciñanza", asegurou.
Segundo avanzou, hai máis de 1,2 millóns en proxectos actualmente en execución ou licitación grazas á colaboración doutras administracións como a Xunta e a Deputación. Para 2026, aumentarase o investimento no Servizo de Axuda no Fogar e reforzarase o apoio ao colexio e ás asociacións veciñais, culturais e deportivas.
FEIRA DA LAMA
Un dos puntos destacados do Pleno foi o cambio de día da Feira da Lama. Tras meses de conversas cos vendedores ambulantes, o Concello decidiu trasladar a feira do derradeiro domingo ao cuarto venres de cada mes para tentar atraer máis público e dinamizar a economía local. Este venres 28, a nova Feira da Lama bota a andar.
O alcalde explicou que este cambio se ampara na Ordenanza Municipal de Venda Ambulante aprobada en 2020, que regula a actividade e trasladou a feira á Alameda. "Trátase dun acordo consensuado co sector para probar se unha nova data pode darlle un pulo á feira", indicou Carrera.
Entre as medidas acordadas está o reparto de cartelería nas semanas previas a cada feira para lembrar a súa celebración. Ademais, estudaranse coa empresa local de transportes e coa Xunta de Galicia as posibilidades de habilitar un servizo circular de transporte público durante o día da feira, condicionado á normativa autonómica e á dispoñibilidade da empresa.
A iniciativa contou co apoio dos distintos grupos municipais, e o alcalde agradeceu a receptividade, asegurando que o Concello seguirá traballando para fortalecer non só a feira, senón tamén o comercio local.