O grupo municipal do Partido Socialista denuncia "unha serie de despropósitos" que levaron ao Concello de Cerdedo Cotobade a perder unha subvención de 900.000 euros e anuncian que terá que renunciar a outra de 400.000.
En xaneiro de 2022 a Deputación de Pontevedra a través do Plan Reacción Pontevedra Provincia (ReacPon) aprobaba unha axuda para levar a cabo a Reforma integral da Casa do concello de Cerdedo-Cotobade, en Carballedo, un proxecto cun orzamento de case medio millón de euros, dos que a administración provincial achegaría o 80%.
O investimento consistía na intervención integral do edificio para dotalo de eficiencia enerxética, de máis espazos e optimizar as instalacións. Cando se licitou esta obra o concurso quedou deserto xa que o orzamento era insuficiente. Para non perder a subvención, modificouse o proxecto que se incrementou ata os 900.000 euros (case o dobre do orzamento inicial) e solicitouse ese importe ao Estado mediante o plan PIREP local.
O grupo municipal socialista informou que no último pleno local aprobouse a retirada do proxecto de reforma da casa do concello do capítulo de investimentos a realizar este ano xa que non se recibiron os fondos estatais.
Segundo a portavoz do PSOE, Ana Couto "o proxecto era un completo sinsentido: as superficies non coincidían coa realidade, o prazo de execución non tiña coherencia, os custos da obra non eran correctos", cando "o plan PIREP local só precisaba de achegar en tempo e forma a documentación recollida nas súas bases polo que é imperdoable que fose denegada".
A perda desta subvención e a retirada da obra do orzamento municipal implica que a obra non estará executada en abril do 2023 polo que o Partido Socialista avanza que "tamén se perderán os 391.991 euros do Plan ReacPon".
Ana Couto declarou que "parece que a xestión deste alcalde deixa moito que desexar, el que tanto presume de traballo duro vai camiño de perder 1.300.000 euros en subvencións pola falta de rigor" e acusa a Jorge Cubela de "estar tan preocupado por promocionar a súa imaxe persoal e a súa carreira política dentro do Partido Popular, que abandonou á súa sorte a xestión municipal".
ESTRADA DE ALMOFREI
Por outra banda Ana Couto lembra que o convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para o arranxo da estrada de Almofrei "leva 2 meses encima dunha mesa do concello esperando para ser levado ao pleno" polo que critica que "o rexedor municipal non ten interese en axilizar esta tramitación" co que "volve entorpecer un proxecto tan necesario para a parroquia de Almofrei".