Las Palmas "toma nota" do modelo de Pontevedra para modificar a súa mobilidade urbana

Pontevedra
31 de maio 2018

Inmersos na posta en valor dun plan de mobilidade que xira arredor do binomio transporte público-peonalización, Las Palmas invitou a Pontevedra a participar nun congreso sobre mobilidade para coñecer a súa experiencia urbana

Anabel Gulías, nunhas xornadas de mobilidade nas Palmas
Anabel Gulías, nunhas xornadas de mobilidade nas Palmas /

Inmersos na posta en valor dun plan de mobilidade que xira arredor do binomio transporte público-peonalización, Las Palmas invitou a Pontevedra a participar nun congreso sobre mobilidade para coñecer a súa experiencia urbana.

Ata a cidade canaria desprazouse a concelleira Anabel Gulías, que foi a encargada de expoñer a experiencia pontevedresa nas xornadas sobre Peonalización e Mobilidade Sostible, organizadas polo Concello das Palmas e Guaguas Municipales, a compañía de transporte urbano da cidade.

Fronte a un auditorio de profesionais da mobilidade e estudantes, Gulías explicou a aposta feita en Pontevedra pola recuperación dos espazos públicos para as persoas, baseada nun deseño pensado, nunha decisión política de levala diante e na redución do tráfico na cidade ao estritamente necesario.

"Non é unha guerra contra o vehículo privado", sinalou a concelleira pontevedresa, que destacou que, polo contrario, é unha aposta pola ocupación da cidade polas persoas, pola convivencia" porque entende que o tempo amosou que o tráfico necesario para o funcionamento dunha cidade "é moi pouco".

"O acceso aos garaxes, a actividade económica e comercial, os servizos de todo tipo están garantidos", subliñou Gulías, que xunto ao director xeral de Urbanismo, Xosé Manuel Tato, explicou os aspectos máis técnicos do proceso de transformación urbana.

Así, detallou o sistema de aparcamentos de servizos, dos bucles circulatorios ou das medidas de calmado de tráfico que, na súa opinión, "axudan a facer de Pontevedra un referente mundial de mobilidade peonil" aínda que engadiu que "cada quen ten que pensar o seu modelo de mobilidade, buscar o seu camiño, a súa propia receita".