Chegamos a unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" cunha deliciosa receita italiana, a lasaña, un prato que admite entre os seus ingredientes tanto peixes, como verduras ou carnes. Nesta ocasión, imos aproveitar as excelentes calidades do bacallau de Conservas Pescamar.
O bacallau é un peixe branco con múltiples propiedades. Destaca a súa achega en proteínas, superior á dalgunhas carnes. É un peixe moi axeitado para dietas de control de peso, por ser baixo en calorías e en graxas. As graxas que achega son en forma de omega 3, moi beneficiosas para a saúde cardiovascular.
Para preparar esta deliciosa Lasaña con bacallau á biscaíña de Conservas Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes para 2 persoas:
- 2 latas de Bacallau á biscaíña Pescamar
- 6 láminas grandes de pasta para lasaña
- 180 g de verduras sobrantes doutro guiso
- 1 cebola
- 120 g de queixo de cabra
- 2 culleradas de aceite de oliva virxe extra
- Sal
- Pementa
- Ourego
Preparación:
Poñemos nun cazo auga con sal a ferver. Cando xa estea a ferver, engádense as láminas de pasta durante 5 minutos, ata que queden al dente para que non rompan.
Mentres tanto, nunha tixola engadimos un chorriño de aceite e douramos a cebola previamente cortado en anacos.
Unha vez que temos preparados os ingredientes, montamos a lasaña nun molde para forno, onde poñeremos un chorriño de aceite e fariña para que non se pegue.
Primeiro colocamos unha lámina. Enriba, unha parte de verduras e outra co contido esmigallado de media lata de Bacallau á biscaíña Pescamar (coa salsa incluída). Botamos un chisco de pementa.
A continuación, unha segunda lámina, a mestura de verduras e o contido esmigallado de media lata de Bacallau á biscaíña Pescamar (coa salsa incluída). Botamos un chisco de pementa. Cubrimos cunha terceira lámina.
Enriba desta última lámina, poñemos queixo de cabra cortado en rodas moi finas e empoamos ourego ao gusto.
Procederemos da mesma maneira coa segunda lasaña. A continuación, introducimos o molde no forno durante 5 minutos a 250º C en grella.
En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva", de Conservas Pescamar.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.