O Concello de Pontevedra iniciou esta semana as tarefas de limpeza dos dous espazos arqueolóxicos da cidade. Xa comezaron os traballos nas estruturas arqueolóxicas do Campiño de Santa María e a continuación será a quenda da praza de Valentín García Escudero.
Os traballos afectan só ás propias estruturas arqueolóxicas e á contorna máis inmediata, e consisten na retirada de vexetación e na limpeza manual.
No caso do Campiño de Santa María, os labores de limpeza céntranse nos restos medievais do paño da muralla e da casa torre dos Montenegro.
No caso da praza de Valentín García Escudero, procederase á limpeza do xacemento que inclúe os vestixios da Ponte do Burgo medieval, un tramo de muralla do século XVI e o malecón portuario do XV, así como á retirada de lixo acumulada neste espazo.
Todos os traballos están a ser realizados baixo a supervisión e indicacións do técnico municipal de patrimonio cultural coa idea de non provocar ningún tipo de alteración nos muros de ambos os dous conxuntos.
Esta é a segunda e derradeira actuación neste ano co obxectivo de manter no tempo en boas condicións os dous espazos, tanto atendendo á conservación como á visibilidade estética.
ZAFARRANCHO NA MOUREIRA
A Concellaría de limpeza viaria continúa cos zafarranchos de limpeza nos barrios da cidade nesta semana. Nesta ocasión será nas rúas Fonte da Moureira e Ouro.
A limpeza farase na madrugada e na mañá do xoves. A zona de estacionamento estará valada dende o mércores pola tarde prohibindo o aparcamento nas horas anteriores aos traballos e os vehículos que permanezan estacionados serán retirados polo guindastre municipal.