'Lazos de agarimo' desde Tomeza para axudar na educación dos nenos máis desfavorecidos de Nicaragua

Pontevedra
01 de setembro 2020

A exposición 'Bicos de Porcelana de Isaac' organizada por Loli  Beloso na súa casa materna da Valadiña en homenaxe de Isaac Diaz Pardo tivo este luns 31 un broche de ouro. A impulsora coroou a cita cultural, no día do seu peche, coa doazón de fondos para as obras do misioneiro pai Rodolfo en Nicaragua

Loli Beloso e Tato Heredia simbolizan a doazón para o pai Rodolfo Loli Beloso

A exposición 'Bicos de Porcelana de Isaac' organizada pola pontevedresa Loli Beloso na súa casa materna da Valadiña (Tomeza) desde o pasado 22 de agosto en homenaxe de Isaac Diaz Pardo tivo este luns 31 un broche de ouro. A impulsora coroou a cita cultural, no día do seu peche, coa doazón de fondos para as obras do misioneiro pai Rodolfo en Nicaragua.

Loli Beloso comezou fai catro anos a tradición de organizar a gala anual 'Lazos de Agarimo' para recadar fondos para as iniciativas solidarias do pai Rodolfo, pero este 2020 a crise sanitaria do coronavirus truncou a que sería a súa cuarta edición. 

O misioneiro non se puido desprazar a Galicia para recoller o recadado e tampouco houbo oportunidade de organizar unha pública para lograr máis fondos solidarios, pero as restricións da pandemia non impediron que se lograse o obxectivo final de facer chegar fondos alén do Atlántico. Este luns, como peche á exposición, Loli Beloso entregou ao pintor pontevedrés Tato Heredia un xustificante da doazón que enviou a Nicaragua. 

Trátase de 720 euros recadados coa venda do libro Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nosos nenos, escrito pola propia Loli Beloso e que adoita vender en exposicións, presentacións e todo tipo de actos públicos. Desta forma, o amor de Anisia Miranda e Neira Vilas polos nenos cruzará o charco e axudará á educación dos máis pequenos de Nicaragua. 

Respecto diso, Beloso explicou que o diñeiro irá destinado ás escolas que promove o pai Rodolfo nunha zona moi desfavorecida de Nicaragua, de modo que axudará ao ámbito educativo e aos máis necesitados do país. 

Este ano non se celebrou, por tanto, gala física, pero si se escenificou a doazón, aínda sen público, e o diñeiro foi enviado ata Nicaragua. O seu receptor, o pai Rodolfo, mostrouse moi agradecido

Esta acción solidaria, dalgunha forma, uniu a Neira Vilas e Diaz Pardo para axudar á educación dos nenos e lograr realizar esta doazón a pesar da situación actual de alerta sanitaria tamén xerou gran satisfacción á súa impulsora. Loli Beloso, ademais, destaca que a homenaxe a Diaz Pardo polo centenario do seu nacemento que este luns pecha as súas portas resultou todo un éxito, con moito público que visitou a exposición de forma graduada e sen aglomeracións.