Lembran a importancia da "fiabilidade e confianza" dos medios locais fronte as fake news

Pontevedra
14 de xuño 2023

A Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra acolle unha xornada sobre o impacto da desinformación no eido local coa intervención de conferenciantes que realizan investigacións sobre as fake news

Xornada sobre o impacto da desinformación no eido local na Facultade de Comunicación
Xornada sobre o impacto da desinformación no eido local na Facultade de Comunicación / DUVI - UVigo

A Facultade de Comunicación analizou na xornada 'O impacto da desinformación no ámbito local' o fenómeno das noticias falsas ou boatos, informacións sen contrastar, que están a aumentar nos últimos tempos. 

A decana Emma Torres advertía sobre esta circunstancia na inauguración deste foro que promove a Asociación Española de Investigación en Comunicación (AE-IC) e polo proxecto FakeLocal, coordinado polo grupo CP2 da facultade pontevedresa.

Durante este encontro tratáronse con detalle, segundo recolle o DUVI, as temáticas que centraron a aparición destas fake news nos últimos tempos, a través de situacións como a pandemia, a guerra de Ucraína ou os procesos electorais.

Ramón Salaverria, investigador da Universidade de Navarra e cooordinador do observatorio ibérico de medios dixitais Iberifier, afirmaba que España converteuse nun "lugar crítico nestes momentos no conxunto de Europa" e propicio a estas campañas de desinformación debido aos procesos electorais nos que se atopa durante os últimos meses.

Mónica Vaderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, tamén quixo prestar atención á importanica dos medios locais fronte a este fenómeno das noticias falsas lembrando que a proximidade xera unha maior "fiabilidade e confianza" na cidadanía. 

Neste sentido, o eixo do proxecto Fakelocal é analizar o impacto das noticias falsas na esfera política autonómica e local, segundo manifestou Emma Torres, coa intención de impulsar o traballo investigador relacionado co Campus Crea.