Os novos contedores de recollida de aceite doméstico usado, que se están a instalar tras a renovación emprendida no servizo municipal de residuos, xa están colocados en Lérez e Cerponzóns.
A localización destes recipientes, que xestiona a empresa Mulleres colleiteiras, foi escollida directamente polas asociacións veciñais de cada parroquia.
Así, o de Lérez está situado na rotonda da igrexa e o de Cerponzóns, no aparcamento da igrexa.
En principio, haberá un contedor por parroquia, pero "dependendo de como vaia funcionando o sistema", segundo a edil responsable da área de rural, María Xosé Abilleira, estudarase a posibilidade de habilitar novas ubicacións.
Abilleira subliñou que a extensión deste servizo ao rural "é fundamental" para facilitar a reciclaxe a toda a cidadanía e para "fortalecer o noso compromiso social e ambiental".

A colocación destes contedores continuará, nos próximos días, no resto das parroquias. O obxectivo é completar este traballo ao longo desta semana.
Estes novos contedores no rural complementan aos xa instalados no mercado de abastos e responden a unha demanda da veciñanza da cidade.
Os dous recipientes instalados no mercado xa recolleron 231 litros de aceite usado desde que se colocaron o pasado 6 de outubro.
Mulleres colleiteiras é unha cooperativa que destaca polo seu impacto social, xerando emprego para persoas vulnerables ou en exclusión social.
O aceite que se recolle a través destes colectores está destinado á creación de biodiésel.
