Pontevedra estrea colectores para reciclar aceite doméstico nunha aposta polo planeta e a inclusión social

Pontevedra
06 de outubro 2025

Este luns 6 de outubro, iniciouse o despregamento en Pontevedra dos novos colectores de recollida de aceite doméstico usado. Detrás desta iniciativa está Mulleres Colleiteiras

Presentación dos novos contedores de aceite usado
Presentación dos novos contedores de aceite usado / PontevedraViva

Este luns 6 de outubro arrancou en Pontevedra o despregamento dos novos colectores para a recollida de aceite doméstico usado.

Os dous primeiros xa están operativos no mercado de abastos, e nos próximos días instalaranse até 32 por todo o municipio, tanto no centro urbano como no rural.

Detrás desta iniciativa está Mulleres Colleiteiras, unha cooperativa galega que é todo un exemplo de economía circular con impacto social.

Grazas a un acordo coa empresa Prezero -concesionaria da limpeza e xestión de residuos en Pontevedra-, serán elas quen xestionen esta nova rede de recollida.

Mulleres Colleiteiras naceu en 2011 como parte dun programa de inserción social impulsado pola ONG Arquitectura sen Fronteiras, destinado a mulleres xitanas dos asentamentos das Rañas e A Pasaxe.

Hoxe, esta cooperativa formada por nove mulleres segue demostrando que a reciclaxe tamén pode ser unha ferramenta de transformación social.

"No solo le damos una segunda vida al aceite, sino también una segunda oportunidad a las personas que trabajamos aquí", conta Sofía Vázquez, a xerente do equipo.

Mulleres colleiteiras
Mulleres colleiteiras Mulleres Colleiteiras

Elas son transportistas, xestoras autorizadas de residuos e responsables do proceso completo de recollida, almacenamento, valorización e reutilización do aceite vexetal usado que finalmente lles compra Repsol para producir combustibles renovables para o transporte.

Durante a posta en marcha deste servizo e ao longo dos próximos días informarán á cidadanía que o aceite doméstico usado debe depositarse en botellas de plástico ben pechadas. Acéptase tanto o aceite de cociña como o que vén en latas de conserva, pero ollo, os aceites de motor non están permitidos.

A importancia de reciclar este residuo non é menor xa que un só litro de aceite pode chegar a contaminar até 40.000 litros de auga.

Por iso é fundamental contar con puntos de recollida accesibles e unha xestión profesional como a que ofrece Mulleres Colleiteiras, que ademais conta con certificacións de calidade que garanten a trazabilidade e sustentabilidade do proceso.

Actualmente, a cooperativa colleita uns 1.500 litros de aceite ao día, o que supón unhas 270 toneladas ao ano, procedentes de fogares, restaurantes, centros comerciais e, máis recentemente, de estacións de servizo de Repsol, con quen colaboran para transformar o aceite usado en combustibles renovables para o transporte.

Xa xestionan colectores de recollida na Coruña e en máis de dez municipios da súa contorna, e agora suman a Pontevedra á súa rede de cidades comprometidas cun futuro máis limpo e xusto.

Funil para promocionar a reciclaxe de aceite
Funil para promocionar a reciclaxe de aceite   PontevedraViva