Letras corpóreas co nome de Marín para presidir a entrada ao auditorio

Marín
03 de xuño 2026

O espazo escollido para a súa instalación, a praza gañada á cidadanía fronte á fachada principal do auditorio, está a consolidarse, afirma o Concello, como un punto de encontro e convivencia

Letras de formigón co nome de Marín
Letras de formigón co nome de Marín / Concello de Marín

De formigón e cunha altura de 1,50 metros cada unha. Así son as letras corpóreas que Marín acaba de instalar na nova praza creada na entrada do auditorio.

O goberno municipal agarda que este novo elemento de identidade colectiva, que conforma o nome da vila, sirva tamén como atractivo turístico.

O espazo escollido, a praza gañada á cidadanía fronte á fachada principal do auditorio, está a consolidarse, afirma o Concello, como un punto de encontro e convivencia.

Esta intervención permitirá que tanto visitantes como veciños e veciñas conten cun novo reclamo para inmortalizar a súa visita e compartir a súa experiencia na vila.

A alcaldesa de Marín destacou que estas letras "están chamadas a converterse nun punto de referencia para as persoas que nos visiten, pero tamén para os propios marinenses". 

"Queremos que a xente presuma de Marín, que se faga fotografías aquí, que ensine os cambios tan importantes que estamos vivindo e que comparta o Marín que se está transformando", engade María Ramallo.

Desde o Concello animan á cidadanía e ás persoas que visiten a localidade a achegarse ata este espazo porque "queremos ver estas letras cheas de vida, de fotografías e de lembranzas" a traves das súas instantáneas.

Así, invitan a realizar as súas fotos e vídeos e compartilos nas redes sociais etiquetando ao Concello de Marín, contribuíndo así á promoción e difusión deste novo símbolo da vila.

NOVOS PARTERRES

Ao mesmo tempo, continúa avanzando a bo ritmo o axardinamento dos parterres situados no entorno do auditorio, financiado con fondos europeos.

Nestes espazos estanse a plantar distintas variedades vexetais inspiradas no concepto de xardín inglés, que permitirán crear un conxunto paisaxístico atractivo, integrado e cheo de cor a medida que as especies medren e se desenvolvan.

Outra das actuacións que progresa de maneira satisfactoria é a mellora do entorno da dársena portuaria do antigo cemiterio de chalanas.

Os traballos atópanse xa nunha fase moi avanzada, especialmente na construción dos bancos que formarán parte deste novo espazo recuperado para a cidadanía.

Ademais, nos próximos días instalarase unha placa de aceiro cortén deseñada en colaboración co Museo do Mar de Marín, que servirá como homenaxe aos homes e mulleres do mar, recoñecendo a súa contribución á historia e identidade da vila.