A baixada de casos covid do venres non tivo continuidade nos datos achegados polo Servizo Galego de Saúde ás 10.00 horas deste sábado 22 de maio.
Este novo balance de afectación da pandemia reflicte que na Área Sanitaria de Potevedra e O Salnés incrementáronse nas últimas horas as infeccións activas por coronavirus e tamén a cifra de hospitalizados. No que respecta ao primeiro indicador son actualmente 371 os casos activos, o que supón 8 máis que a xornada anterior.
Esta subida prodúcese ao ser maior o número de novos contaxios detectados, con 22 positivos, que as altas epidemiolóxicas que se deron, 14.
En canto á presión hospitalaria son 22 as persoas ingresadas na área sanitaria, dúas máis. Delas 16 evolucionan en planta e 6 fano na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo, neste caso unha menos que o venres.
Desde o inicio da pandemia superaron o coronavirus 13.583 persoas en Pontevedra e O Salnés, rexistrándose 177 falecementos de pacientes con positivo activo.
Nas últimas 24 horas fixéronse 947 probas PCR, que se engaden ás 232.151 efectuadas con anterioridade.
DATOS DE GALICIA
A nivel autonómico Galicia conta este sábado 22 de maio con 2.685 casos activos, o que supón un incremento de 10. Deles permanecen hospitalizados en planta 108 persoas (oito menos) e 31 evolucionan na UCI (un máis).
Na comunidade contabilizáronse 2.410 falecementos asociados ao virus, sen cambios nas últimas horas.