Liberan o condutor dun tractor que quedou atrapado ao saír da vía

O Salnés
15 de xuño 2019

A vítima de 41 anos sufriu a rotura dun pé e tivo que ser trasladado ao Hospital do Salnés. O accidente rexistrábase ao redor das 14.15 horas deste sábado

Accidente de tractor en Cambados Servizo de Emerxencias

Un home resultaba ferido este sábado ao sufrir un accidente de tráfico cando circulaba co seu vehículo agrícola ao redor das 14.15 horas pola EP-9002, segundo información facilitada polo Servizo de Emerxencias de Cambados.

O accidente rexistrábase na estrada situada entre A Modia e Oubiña, en Vilariño, no municipio de Cambados. O tractor saía da vía por causas que non foron determinadas e envorcaba.

Foi necesario que se trasladasen ata o lugar integrantes da Policía Local, axentes da Garda Civil de Tráfico, membros de Protección Civil e Bombeiros porque o home atopábase atrapado. En calquera caso, non foron necesarios equipos de excarceración para liberalo.

A vítima é un veciño de Cambados, de 41 anos, que sufriu a rotura dun pé e tivo que ser evacuado ao Hospital do Salnés por unha ambulancia medicalizada.