Liberan unha muller en Nantes, atrapada entre un valado e unha parede

Sanxenxo
09 de maio 2023

A muller caeu nunha leira e un pé quedoulle baixo unhas pedras dun pequeno oco do terreo, situado no lugar do Santo, na parroquia de Nantes en Sanxenxo. O persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 conseguiu liberala arredor das 17.30 horas deste martes

Dotación do servizo de Emerxencias de Sanxenxo Concello de Sanxenxo

Os servizos de emerxencia lograban rescatar na tarde deste martes unha muller en Sanxenxo que se caera nunha leira, quedando atrapada entre un valado e unha parede, segundo informa o servizo do 112 Galicia.

Un pé da muller quedara encaixado baixo unhas pedras nun pequeno oco do terreo, que se atopa situado no lugar do Santo, na parroquia de Nantes.

Unha persoa particular alertara ao 112 da situación arredor das 17.30 horas e ata o lugar se desprazaba o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que conseguía liberar a muller.

A continuación, a vítima foi evacuada ao Punto de Atención Continuada de Sanxenxo para que fose atendida das feridas. Tamén se mobilizaron os efectivos do GES de Sanxenxo, pero non foi necesaria a súa intervención, ao igual que a dos axentes da Garda Civil, alertados polo sevizo de Emerxencias.