A maxistrada do Tribunal de Instancia de Vilagarcía, praza 1, en funcións de garda, decretou a posta en liberdade sen medidas para o home detido o domingo como presunto autor dun delito de malos tratos no ámbito da violencia sobre a muller, segundo informan desde o gabinete de comunicación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O xulgado de instrución de Vilagarcía tomou esta decisión despois de que a Policía Local detivera o home que supostamente agredira a súa parella no seu domicilio e causara lesións a unha axente durante o arresto.
A vítima pediu auxilio desde o balcón pouco antes das 15:30, o que activou a rápida intervención dos axentes, segundo recolle Olalla Bouza no Diario de Arousa.
A vítima, con lesións visibles na fronte, confirmou que non era a primeira vez que sufría agresións, aínda que non quixo denunciar. Malia a súa negativa, a Policía Local actuaba de oficio.
Durante a intervención, unha axente resultou ferida nun ombreiro e foi trasladada ao Hospital do Salnés.
A patrulla da Policía Nacional e o equipo de Urxencias Médicas do 061 tamén acudían ao lugar, transportando á vítima ao centro hospitalario polo seu estado de nerviosismo.
O home permanece investigado por malos tratos pero, segundo a decisión xudicial, poderá continuar en liberdade ata que avance a instrución da causa.