Licenza 'exprés' para as escavacións de Santa Clara, tramitada en dous días e medio

Pontevedra
05 de marzo 2026

O Concello decretara que a tramitación fora prioritaria e este xoves xa foi aprobada pola Xunta de Goberno. Estes traballos teñen un prazo de execución de cinco meses

Excavacións arqueolóxicas no convento de Santa Clara
Excavacións arqueolóxicas no convento de Santa Clara / Mónica Patxot

En apenas dous días e medio, os técnicos municipais de urbanismo deron a súa aprobación á licenza solicitada pola Deputación de Pontevedra para realizar unha segunda fase de escavacións no ámbito do convento de Santa Clara.

Trátase dunha intervención arqueolóxica previa á execución do proxecto de rehabilitación integral do antigo cenobio, que ultiman os arquitectos que gañaron o concurso público, o estudo madrileño Nieto Sobejano.

O Concello decretara que a tramitación fora prioritaria e este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, indicou que xa foi aprobada.

"Tras dous anos e medio de espera por esta solicitude, tramitamos a licenza en dous días e medio", destacou Fernández Lores tras a reunión semanal do seu goberno.

Estes traballos teñen un prazo de execución de cinco meses.

A actuación, que realizará a empresa Citania Arqueoloxía, consistirá na realización dunha serie de sondaxes e de lectura dos paramentos, dando continuidade aos realizados en 2022, para avaliar histórica e arqueolóxicamente o estado do convento.

A licenza de concede con diversas condicións que se deberán cumprir durante o desenvolvemento destes traballos, entre eles que se axuste á autorización concedida por Patrimonio da Xunta e seguir todo tipo de cautelas arqueolóxicas.

Ademais, haberá que garantir un perímetro de seguridade con respecto ás árbores protexidas nos xardíns do convento e toda escavación deberá limitarse á recollida na documentación técnica presentada.

Os técnicos lembran tamén que o desmantelamento do pozo, que será trasladado a outro punto do complexo, e do antigo cemiterio non están incluídos nesta intervención, polo que haberá que garantir a súa estabilidade durante esta intervención arqueolóxica.