Valdecorvos segue a medrar coa licitación de 48 novas vivendas públicas por 7,6 millóns

Pontevedra
06 de novembro 2025
Actualizado: 14:51

A conselleira de Vivenda avanzou tamén que antes de que remate o ano adxudicarán as obras doutro bloque con 56 novas vivendas públicas, e que o próximo ano comezarán os traballos de ambos edificios

María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Infraestruturas
María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Infraestruturas / PontevedraViva

O barrio pontevedrés de Valdecorvos continúa a medrar. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, anunciou este xoves a licitación das obras dun novo edificio de 48 vivendas públicas.

As empresas interesadas xa poden consultar na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia onde poderán presentar as súas ofertas ata o 22 de decembro.

O orzamento previsto acada os 7,6 millóns de euros.

Nunha visita á parcela onde se vai construir este inmoble, a conselleira explicou aos xornalistas que o proxecto contempla un edificio "fermoso e funcional", de seis plantas, con garaxe e tamén varios locais comerciais porque "queremos que Valdecorvos non só teña novas vivendas, senón tamén máis vida e actividade", subliñou Allegue.

A titular de Vivenda avanzou ademais que antes de que remate o ano se adxudicarán as obras doutro bloque con 56 novas vivendas públicas, e que o próximo ano comezarán os traballos de ambos edificios. Tamén está prevista a entrega de 74 vivendas máis, cuxas obras avanzan a bo ritmo.

Parcela onde se van construir 48 novas vivendas públicas
Parcela onde se van construir 48 novas vivendas públicas   PontevedraViva

Con todos estes proxectos, Valdecorvos contará con 236 novas vivendas públicas, ás que se suman 53 en Tafisa e 11 nas Devesas, consolidando así o compromiso da Xunta con Pontevedra, como repetiu a conselleira.

Ademais, Allegue anunciou que o Goberno galego xa remitiu á Dirección Xeral de Calidade Ambiental o proxecto para iniciar o procedemento ambiental do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) que permitirá desenvolver novo solo residencial en San Amaro.

Infografía do edificio que vai construir a Xunta
Infografía do edificio que vai construir a Xunta     PontevedraViva

En conxunto, a Xunta ten comprometido un investimento de 60 millóns de euros en novas vivendas públicas na cidade, dos cales 28,19 millóns están previstos para o vindeiro ano 2026.

A conselleira lembrou tamén que o Executivo autonómico traballa na Estratexia de Desenvolvemento de Solo, que prevé a construción doutras 2.000 vivendas máis en Pontevedra, impulsadas por promotores e cooperativas.

Mirando cara ao futuro, Allegue anunciou que o 1 de xaneiro entrarán en vigor novas medidas para incrementar a oferta de vivenda. Entre elas, destaca un aumento do 20% na edificabilidade para as promocións que destinen polo menos o 60% das vivendas a protección pública. Ademais, os concellos poderán promover Proxectos de Interese Autonómico con solo destinado nun 80% á vivenda protexida.

Presentación das 48 novas vivendas públicas
Presentación das 48 novas vivendas públicas    PontevedraViva

"Ogallá o vindeiro ano se poidan ver máis proxectos de nova vivenda nos solos dotacionais que hoxe están en estado de abandono ou desuso, o que permitirá incrementar a oferta de aloxamentos e revitalizar zonas degradadas na cidade", concluíu a conselleira.