Licitada por 4,7 millóns de euros a reforma integral do Instituto Valle-Inclán

Pontevedra
02 de xaneiro 2023

A actuación, explica a Xunta de Galicia, abrangue accións para a rehabilitación enerxética, estrutural e funcional do centro educativo pontevedrés. O prazo de execución previsto da intervención é de 16 meses

Interior do IES Valle Inclán de Pontevedra
Interior do IES Valle Inclán de Pontevedra / PontevedraViva

O instituto IES Valle-Inclán de Pontevedra será obxecto dunha rehabilitación integral.

A Xunta de Galicia acaba de publicar a licitación da obra, na que se investirá 4,7 millóns de euros converténdose na de maior envergadura e orzamento de todas as programadas actualmente pola Consellería de Educación.

Será unha reforma centrada na rehabilitación enerxética, estrutural e funcional do edificio que contará, sinala o goberno autonómico, cun prazo de execución previsto de 16 meses.

En concreto as principais melloras centraranse na limpeza e illamento térmico das fachadas e o reforzo da estrutura horizontal do edificio. Así mesmo, actualizaranse os elementos de protección fronte ao lume e renovarase a rede de saneamento.

Ademais cambiaranse completamente as cubertas, incluíndo os canlóns e bajantes, mentres que no caso da carpintería exterior acometerase unha renovación integral, renovando tamén os vidros nas carpinterías de madeira do patio e as instalacións interiores de iluminación.

En canto á calefacción, renovaranse as caldeiras e os seus elementos complementarios, incluíndo a nova subministración de enerxía por medio de gas natural, aumentando a dotación de radiadores. Tamén se implementará un sistema de xestión centralizada, incluíndo termostatos para controlar a demanda nas diferentes zonas do edificio, co obxecto de axustar en todo momento a produción de enerxía térmica á demanda real. A maiores, mellorarase o sistema de ventilación e renovarase a subministración de auga fría, quente e evacuación dos aseos.

A reforma integral enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, coa previsión de que supoña un aforro de preto 60% en materia enerxética.

Construído a principios do século XX, o IES Valle-Inclán de Pontevedra sufriu diferentes obras de reforma ao longo da súa historia, datando a última gran intervención do ano 1972.