Preocupación da comunidade escolar do IES Valle Inclán sobre as obras de reforma do centro

Pontevedra
03 de xuño 2023

O BNG trasladará ao Parlamento a falta de información da Consellería sobre o calendario das obras e a compatibilidade ou non coa actividade docente

IES Valle-Inclán
IES Valle-Inclán / Cristina Saiz

O BNG rexistrou varias preguntas parlamentares sobre as obras de reforma integral do IES Valle Inclán, unha actuación que foi incluida reiteradamente nos orzamentos dos últimos anos e finalmente no mes de febreiro de 2023 adxudicouse por 4,63 millóns de euros a Construcciones Ramírez, a única empresa que se presentou á licitación.

A concesión de licencia municipal estaba pendente do oficio de dirección de obra e o proxecto para instalar unha rede separativa de pluviais e fecais, posto que o edificio do instituto, ao ser tan antigo, carece dela.

O parlamentario do BNG, Luís Bará sinalou que "o estado de deterioro do edificio histórico do instituto fixo que se fose ampliando progresivamente o alcance das obras", que finalmente inclúen a reforma e rehabilitación das cubertas, limpeza e aillamento térmico de fachadas, carpintaría exterior, reforzo da estrutura horizontal, renovación de caldeiras, sistema de ventilación, abastecemento de auga, aseos e vestiarios.

O BNG faise eco da "enorme preocupación das familias" sobre o desenvolvemento das obras e a dificultade para facela compatible coa actividade docente. 

"A inquedanza da comunidade escolar vese acrecentada pola falta de información sobre a compatibilidade das obras coa actividade docente e as alternativas que se barallan sobre o traslado total ou parcial das clases a outro emprazamento, horarios de desenvolvemento das clases e atención a necesidades de conciliación", sinala o parlamentario nacionalista.

O grupo parlamentario do Bloque preguntará sobre o calendario que manexa a Xunta para o comezo e desenvolvemento das obras, se considera o goberno galego que unhas obras destas dimensións son compatibles coa actividade docente e se ten previsto a Xunta a opción de traslado parcial ou total da actividade docente a outro edificio.

Ademáis, no caso de preverse o citado traslado, o BNG quere saber que alternativas manexa a Xunta en canto a novas instalacións, grupos afectados e horarios.