A comunidade educativa concéntrase para saber "para cando?" empezarán as obras do Valle Inclán

Pontevedra
20 de xullo 2023

"Xunta, obras xa! Para cando?". Familias, alumnado e profesorado do instituto Valle Inclán despregaron este xoves unha pancarta con este lema. Máis de 50 persoas apoiaron unha concentración para "presionar" á Xunta de Galicia para que axilice as obras, que aínda non empezaron

Concentración convocada pola ANPA do instituto Valle Inclán
Concentración convocada pola ANPA do instituto Valle Inclán

"Xunta, obras xa! Para cando?". Familias, alumnado e profesorado do instituto Valle Inclán de Pontevedra despregaron este xoves unha pancarta con este lema no exterior do centro. Máis de 50 persoas apoiaron a convocatoria realizada pola asociación de nais e pais para "presionar" á Xunta de Galicia para que axilice as obras que se van a acometer durante o próximo curso, e que aínda non empezaron. 

O presidente do ANPA, Rubén Saavedra, explicou tras esta concentración silenciosa que o seu obxectivo é que a Xunta "cumpra cos prazos" das obras, que aínda non empezaron a pesar de que fai xa case un mes que terminaron as clases. 

Refírense, en especial, á fase inicial ou cero das mesmas, que afecta o interior do centro, e que consideran que podía empezar xa, pois a Consellería de Educación apeloulles á falta do permiso de ocupación da vía publica por parte do Concello, pero eles entenden que a esa fase cero non lle afecta a necesidade dese trámite.

Desde o ANPA consideran que esas cuestións burocráticas como o permiso de ocupación son "escusas" e "os traballos poderán estar a se acometer", pois se concedeu o día 25 de xuño e este xoves é 20 de xullo. 

As familias pretenden que as obras non interfiran coa actividade lectiva que comezará o próximo 11 de setembro e sinalan que "de aquí ao 111 de setembro hai 20 ou 25 días laborables que van dar para pouco" para poder realizar estas obras.Durante a concentración, á que tamén acudiron o director do instituto, Daniel Mejuto, e algún profesor, Rubén Saavedra insistiu en que eles queren "evitar" o máximo posible que coincidan as obras e a docencia. 

Este mércores, un día antes da concentración, produciuse un encontro entre o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, e responsables da dirección do centro e do ANPA. Rubén Saavedra explicou que foi un encontro "fortuíto", xa que el acudiu ao instituto para recoller unha documentación e atopou alí ao responsable. Ninguén os convocara. 

Durante este encontro, Educación trasladoulles que hai dez unidades móbiles xa localizadas para instalar no exterior do centro educativo para poder impartir as clases durante o tempo que duren as obras e que hai dúas máis posibles. As familias pediran 12 e lembran que esas 10 non van ser suficientes. 

O Concello de Pontevedra puxo sobre a mesa semanas atrás a necesidade de realizar probas de carga para comprobar se o chan da avenida de Montero Ríos, sobre o aparcamento subterráneo instalado na zona, soporta o peso desas casetas para as clases. O presidente da asociación de nais e pais explicou que descoñecen eses "temas técnicos" e "non sabemos nin quen nin cando nin como" van realizar esas probas.