Educación xa pode comezar as obras de reforma do IES Valle Inclán

Pontevedra
05 de xuño 2023

A reforma integral do IES Valle Inclán xa ten licenza. Os servizos urbanísticos municipais autorizaron por fin esta intervención, despois de que a Xunta de Galicia emendou os requirimentos realizados polos técnicos do Concello

Patio interior do IES Valle Inclán
Patio interior do IES Valle Inclán / PontevedraViva

A reforma integral do IES Valle Inclán xa ten licenza. Os servizos urbanísticos municipais autorizaron por fin esta intervención, despois de que a Xunta de Galicia emendou os requirimentos realizados polos técnicos do Concello.

Así, a licenza foi concedida tras a presentación dun proxecto para separar as redes de augas pluviais e fecais do centro, do oficio relativo á dirección de obra e a preceptiva autorización de Patrimonio para poder actuar sobre o inmoble. 

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, explicou que estas cuestións xa foron corrixidas pola administración galega e mostrou a "total disposición e colaboración" do Concello cunha actuación que tachan de "moi importante" para a cidade.

A empresa adxudicataria das obras, Construcciones Ramírez, terá agora un prazo de seis meses para iniciar estes traballos. Previsiblemente arrancarán no verán para interromper o menos posible a actividade lectiva.

A reforma, que custará 4,67 millóns de euros, ten un prazo de execución de 16 meses e terá que estar terminada, como máximo, antes de que cumpran os dous anos.

O centro conta con 8.300 metros construídos e 323 xanelas en catro pisos, que serán renovadas. Mellorarase o illamento das cubertas e o interior da fachada, cambiarase o sistema de calefacción, auga quente e a iluminación de todo o instituto.

En canto á rehabilitación estrutural, está previsto reforzar os forxados, renovar a estrutura metálica do patio cuberto e incrementar a seguridade ante un posible incendio.

Un dos traballos máis complexos será a instalación dunha nova cuberta cunha forma similar á orixinal, que cos anos foi parcelada para dar luz á aula de debuxo. Tamén se limpará e tratará a fachada de pedra, ademais de renovar aseos e vestiarios no soto.

A mellora dos acabados, portas interiores e contras das xanelas ou a renovación da cuberta do patio interior tamén figuran entre os traballos para realizar.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora