A Xefatura Territorial de Educación en Pontevedra intentou este mércores calmar a preocupación da comunidade educativa do instituto Valle Inclán en relación coas obras de rehabilitación do centro.
Coincidindo coas queixas das familias do centro sobre a falta de avances, que os levou a convocar unha concentración para este xoves 20 de xullo ás 14.00 horas, este mércores tivo lugar un encontro.
O xefe territorial, César Pérez Ares, acompañado de representantes da Unidade Técnica de obras e da Inspección Educativa, explicou ao equipo directivo e á Anpa deste centro, de xeito pormenorizado, "os trámites necesarios levados a cabo para esta obra, así como a planificación dos traballos".
Segundo a información facilitada pola Xunta de Galicia, seguindo a programación, e mentres non se obteña o permiso de ocupación por parte do Concello, a empresa adxudicataria está organizando o material necesario e os equipos de traballo para o desenvolvemento da obra que se iniciou coa acta de replanteo.
Nos vindeiros días comezará a parte máis visible dos traballos coa instalación de contedores e a demolición dos aseos.
O xefe territorial supervisou este mércores o que cualifica como "normal desenvolvemento" das obras de rehabilitación integral "de acordo coa folla de ruta programada".
Ademais, xunto cos inspectores dos dous institutos e o equipo técnico, tamén visitou o IES Sánchez Cantón para organizar o inicio de curso neste centro que, por mor das obras no Valle-Inclán, o próximo curso vai acoller o alumnado da Escola Oficial de Idiomas e de ensinanzas de adultos deste instituto.
Neste centro estase levando a cabo a adecuación de espazos, cun investimento estimado de arredor de 50.000 euros por parte da Xunta de Galicia.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.