Licitan as obras do novo céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia

Ponte Caldelas
03 de abril 2019

O Concello cumpre cos compromisos coa SCD Ponte Caldelas e logra impulsar unha mellora valorada en 156.171 euros. As obras inclúen tamén a dotación de herba sintética na pista municipal de pádel

Campo de herba sintética de Chan da Barcia
Campo de herba sintética de Chan da Barcia / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas iniciou este mércores a licitación das obras de renovación do céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia e colocación desta superficie na pista municipal de pádel. O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o próximo día 23.

Dende o Goberno local aseguran que con esta medida cumpre así cos compromisos adquiridos coa Sociedade Cultural e Deportiva Ponte Caldelas e iniciará en breve a substitución dun tapete de herba sintética que data de hai 13 anos e que foi recibido xa a comezos do mandato coa vida útil esgotada, ao tratarse dunha primeira xeración deste tipo de material que, ademais, deteriorouse aceleradamente pola falta dun mantemento adecuado.

A empresa que resulte adxudicataria desta obra disporá dun prazo máximo de execución de 28 días, polo que as molestias para o club de fútbol serán mínimas e os novos terreos de xogo estarán pronto en disposición de seren utilizados.

A nova superficie de xogo do campo de fútbol terá unha vida útil de 20 anos ao estar confeccionada cos últimos adiantos tecnolóxicos e céspede homologado. Ademais, para garantir a súa durabilidade será sometida a un plan de tratamento, con limpezas periódicas e un tratamento integral anual. En canto á pista de pádel, que agora ten piso de cemento, estímase unha duración aínda superior.

As obras consistirán no tratamento previo do terreo e a colocación dos 6.720 metros cadrados da nova alfombra, previa aplicación dunhas 40 toneladas de area de sílice e, finalmente, o reparto doutras 30 toneladas de caucho. A herba deberá ter unha altura de entre 40 e 65 milímetros e a base elástica sobre a que se instalará dun mínimo doutros 10 milímetros. No caso da pista de pádel, que ten 200 metros cadrados, óptase por un céspede de entre 12 e 15 milímetros de altura.

O Goberno local destaca a complexa tramitación deste expediente, que requiriu dunha autorización previa de Augas de Galicia (Chan da Barcia sitúase en zona inundable) que non chegou ata o pasado 14 de xaneiro. Ademais, ao tratarse da primeira licitación dunha obra destas características, cun material con complexas especificacións técnicas, foi preciso solicitar un asesoramento externo para a elaboración do prego de prescricións técnicas.

Finalmente, houbo que agardar á entrada en vigor do novo Orzamento municipal. Aínda así, e con todas estas dificultades sobre a mesa, logrouse licitar o contrato antes do remate do actual mandato municipal.

O alcalde, Andrés Díaz, agradece especialmente o traballo administrativo do persoal municipal que, unha vez máis, permitiu a axilización dun expediente con importantes complicacións e que Ponte Caldelas pase a dispor dun equipamento de última xeración.