O Concello de Pontevedra aprobou as novas bases reguladoras de Cabos Soltos, o programa municipal destinado a promover a cultura emerxente e facilitar a programación de actuacións en directo en locais de hostalaría.
As novas normas entrarán en vigor o vindeiro 22 de xuño e buscan ofrecer maior seguridade xurídica tanto aos establecementos participantes como aos artistas, ademais de mellorar a organización e difusión das actividades.
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez Xunqueira, destacou durante a presentación que Cabos Soltos é unha iniciativa "pioneira en Galicia" que leva anos funcionando e que resulta fundamental para manter viva a escena cultural local. Segundo explicou, a actual normativa fai practicamente imposible que os promotores privados poidan organizar programación cultural nos seus locais sen o apoio dun programa específico como este.
"Cabos Soltos é unha ferramenta imprescindible para os artistas emerxentes e tamén para os artistas locais que precisan espazos nos que ir comezando", sinalou Gómez Xunqueira, quen subliñou que as novas bases son o resultado dun proceso complexo no que se intentou compatibilizar os intereses da hostalaría, da veciñanza e do sector artístico.
A partir do luns, os establecementos interesados poderán inscribirse a través da páxina web do programa. Entre a documentación que deberán ter dispoñible no local figuran a licenza ou título habilitante de actividade, o seguro de responsabilidade civil, un informe técnico que acredite a capacidade do establecemento e o cumprimento das condicións de insonorización e protección contra incendios, o certificado de inspección periódica da instalación eléctrica e unha acreditación acústica.
Ademais, os locais deberán asumir varios compromisos, entre eles non superar os 75 decibelios durante as actividades, aceptar inspeccións municipais e controis aleatorios, utilizar o galego na comunicación do programa e empregar unha linguaxe inclusiva e non sexista na promoción dos eventos.
As bases regulan especialmente a figura dos chamados "eventos de escasa entidade", pensados para locais cunha capacidade inferior ás 75 persoas. Estas actividades non poderán contar con infraestruturas como escenarios, carpas ou camerinos, terán unha duración máxima de dúas horas, ademais dunha media hora para probas de son, e deberán respectar horarios limitados.
De domingo a xoves, os eventos non poderán rematar máis tarde das 23.30 horas, mentres que os venres e sábados o límite sitúase ás 00.00 horas.
O regulamento tamén contempla a realización de actividades no exterior, aproveitando o espazo público da cidade. Nestes casos, o nivel sonoro non poderá superar os 85 decibelios.
Ademais, prevese a posibilidade de organizar eventos extraordinarios, aínda que cun control máis estrito: cada local só poderá celebrar un máximo de seis ao ano e deberá presentar documentación específica sobre seguridade, seguros e organización cun mínimo de quince días de antelación.