O Concello de Sanxenxo, a través do organismo Terra de Sanxenxo, adxudicou á empresa Limonta Sport Ibérica os traballos de renovación do céspede e do sistema de rega nos campos de fútbol de Baltar e Noalla.
Este proxecto levará a cabo en modalidade de renting durante un período de 48 meses e supón un investimento total de 627.478 euros, financiados con fondos municipais.
Agora ábrese un prazo de quince días hábiles para a formalización definitiva do contrato.
Os novos terreos de xogo contarán con céspede artificial de última xeración, apto tanto para fútbol 11 como fútbol 7, e homologado baixo os exixentes estándar FIFA Quality Prol for Football Turf.
As superficies a cubrir serán de 103,25 x 62,50 metros en Noalla e 101 x 62 metros en Baltar.
En canto á rega, instalaranse 12 canóns de impacto emerxente con sistema de rotación de 360°, fabricados por primeiras marcas do sector, o que garantirá un mantemento eficiente e uniforme do céspede.
Ademais, no campo de Noalla levarán a cabo actuacións complementarias, como a substitución da varanda e melloras no peche perimetral.
Os traballos comezarán no campo de Baltar, que será a primeira instalación municipal en entrar en obras.
Durante este período, os equipos que adestran ou compiten alí serán recolocados temporalmente noutros campos municipais. Unha vez finalizadas as obras en Baltar, procederase do mesmo xeito co campo de Noalla.
Esta renovación súmase aos investimentos que o Concello veu realizando nos últimos anos en materia deportiva: a remodelación dos pavillóns de Baltar e Vilalonga, a construción do novo campo de fútbol de Dorrón, a renovación do céspede no Revel ou, máis recentemente, a mellora da iluminación e as bancadas do campo de Noalla.