Limpeza e posta a punto dos ríos marinenses antes da chegada das choivas

Marín
04 de outubro 2022

O Concello inviste 12.000 euros nun labor que leva a cabo nos ríos Lameira, Grela, Laxe, Lapamán e Castiñeiras cuxo obxectivo é evitar problemas de desbordes na época de inverno

Labores de limpeza do cauce do río Lameira ao seu paso por Marín
Labores de limpeza do cauce do río Lameira ao seu paso por Marín / Concello de Marín

A limpeza dos ríos é unha actuación medio ambiental de mantemento que o Concello de Marín adoita facer todos os anos para poder liberar o trazado do río da maleza que se acumula e permitir que o caudal discorra sen obstáculos ao longo do cauce.

O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, achegouse esta martes ata o río Lameira para comprobar o inicio destes labores nos que se investirán cerca de 12.000 euros.

Os traballos consistirán na limpeza dos laterais e do propio cauce, triturando a maleza cunha desbrozadora manual de disco. Esta maleza, así como os obxectos e os plásticos que se poidan atopar, serán tratados no vertedoiro.

Xa se realizaron os traballos pertinentes no río da Laxe, desde a ponte do camiño do Peso ata a parcela traseira ao supermercado Mercadona, incluindo o corte e a recollida das canas do talude do CEIP da Laxe; e no río Lapamán, desde a estrada xeral ata o camiño.

A partir de agora, os traballos centraranse no río Lameira, desde Ponte Zapal ata a ponte de Coirados, así coma no regato que vai por detrás do CEP Sequelo. Tamén está previsto actuar no río da Grela, desde a ponte de Coirados ata o Lavadoiro da Presa; así como no río Castiñeiras, desde o Lavadoiro de Coirados ao muíño antigo na Roza

Con esta limpeza, que sempre se fai coincidir coa estación outonal, conséguese previr posibles problemas de desbordes e de atrancos no leito na época de choivas do inverno, para evitar que se produzan danos nas zonas poboadas polas que discorren estes ríos