O Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil localizou este domingo ás dez da mañá o corpo sen vida do home que, na xornada do sábado, caeu da súa embarcación fronte á praia de Petís, en Bueu.
O servizo marítimo da Garda Civil trasladouno a terra.
O falecido é Manuel Otero López, de 71 anos.
Segundo confirmaron fontes do operativo, a procura retomouse este domingo e o corpo do home foi atopado na zona onde desapareceu.
A alerta saltou na xornada do sábado, sobre as 14.10 horas, cando a central do 112 Galicia informou a Salvamento Marítimo sobre unha persona que caese dunha embarcación deportiva.
A voz de alerta dérona varias testemuñas que, desde terra, observaron como o pescador caía á auga cando trataba de arrincar o motor da súa dorna.
Estes particulares avisaron á central do 112 indicando tamén que a embarcación estaba a dar voltas sen ninguén a bordo.
Neste operativo participaron o helicóptero "Pesca I" e a patrulleira "Mar de Galicia", a patrulleira "Río Luna" da Garda Civil e a "Salvamar Mirach" de Salvamento Marítimo.