Localizan un peregrino perdido nas proximidades de Combarro

Pontevedra
03 de maio 2016

O home púxose en contacto co Servizo de Emerxencias do 112 Galicia arredor das 21.45 horas deste luns 2 para indicar que se perdera á altura do concello de Poio

Peregrino
Peregrino / Mónica Patxot

Celestino Lores, presidente da asociación de Amigos do Camiño Portugués, é un defensor da mellora da sinalización deste traxecto ao seu paso pola provincia. E a el seguramente se sumará a opinión dun peregrino que ás 21.45 horas deste luns tivo que recorrer ao Servizo de Emerxencias do 112 Galicia para alertarlles de que se perdeu á altura do concello de Poio cando xa estaba anoitecendo.

O home explicou que estaba a realizar o Camiño de Santiago e que se saíu da súa ruta despues de pasar a localidade de Combarro. Segundo explicou aos operadores do Centro de Atención de Emerxencias levaba máis dunha hora e media camiñando por un carreiro de terra que non se correspondía co itinerario correcto.

O persoal do 112 logrou que o peregrino facilitase as súas coordenadas. Desta forma, puideron detectar que se atopaba nun cruzamento de camiños próximo a Teinogueira, dentro da parroquia de Combarro. Desde Emerxencias alertouse aos integrantes de Protección Civil de Poio.

Minutos máis tarde, o home foi localizado en perfecto estado de saúde pero co susto no corpo despois de perderse na popular ruta.