A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Pontevedra volveu saír á rúa este xoves 8 para levar a cabo a súa tradicional cuestación, unha iniciativa que busca recadar fondos e sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da investigación e a atención integral os pacientes oncolóxicos.
A campaña, que conta coa participación de 24 mesas distribuídas por toda a cidade, ten como obxectivo principal superar o 70% de supervivencia en cancro para o ano 2030, unha enfermidade da que en 2024 foron diagnosticadas máis de 6.300 persoas na provincia.
Dende as 10 da mañá, voluntarios, pacientes e socios da AECC congregáronse en diferentes puntos de Pontevedra, como a Fonte dos Nenos, Praza Peregrina ou o Hospital Provincial, entre outros, para recibir achegas en petos físicos, terminais de pago e teléfonos móbiles.
En total, 264 persoas colaboraron nas mesas durante esta xornada, que busca non só financiar proxectos de investigación punteiros, senón tamén ampliar os servizos de apoio e acompañamento a quen enfronta esta enfermidade.
Ana García, presidenta da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, manifesta o seu agradecemento os pontevedreses polo apoio que sempre prestaron a estas iniciativas: "Hoxe é un día duro, porque pedir sempre é difícil, pero é necesario. Recadamos case 15.000 euros o ano pasado e espero que este ano poidamos superar esa cifra".

"Todo o que recadamos vai dedicado á atención o paciente, a axuda psicolóxica e social e á investigación. O cancro é o problema sociosanitario máis importante a nivel mundial e o investimento en investigación e en prevención é o que pode marcar a diferenza no futuro", indica García.
Insiste a presidenta na importancia de "que teñamos visibilidade e que os pacientes saiban que estamos aquí, que todos os nosos servizos son gratuítos e que poden acudir a nós sempre".
Lembra que na AECC hai un teléfono gratuíto, operativo as 24 horas do día, todos os días do ano: o 900 100 036, "onde calquera persoa que o necesite vai ter un profesional que lle vai a atender e vaille a axudar".
Neste sentido, menciona que na provincia de Pontevedra hai case 5.000 persoas maiores que padecen cancro soas, "que saiban que estamos aquí e que non é necesario ser socio para acudir a nós".
Entre as moitas persoas que fixeron unha achega económica atopámonos a Amando, veciño de Noalla, quen admite que colabora dende hai anos coa AECC: "Esta vez fágoo con máis motivo, porque teño cancro dende hai un ano. Pero antes xa colaboraba, sempre achegando no que podía. Penso que isto é unha causa que nos toca a todos, porque mañá pode ser calquera de nós".
Pola súa banda, o matrimonio pontevedrés formado por Jose e Leonor tamén destaca a importancia da solidariedade: "Colaboramos todos os anos, porque consideramos que é unha obra necesaria".
"Eu tamén teño cancro –sinala Jose-, aínda que agora acabei o tratamento e estou á espera do resultado das probas, pero xa moito antes colaborabamos".
Esta parella contribúe, "dende sempre", tanto coa Asociación Española contra o Cancro como coa Cruz Vermella. "Achegando cando están as mesas ou comprando lotaría", completa Leonor.

Cuestación da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra

Cuestación da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra

Ana García, presidenta da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, xunto a unha voluntaria