Loito oficial en España o próximo 21 de febreiro polo naufraxio do Villa de Pitanxo

Marín
18 de febreiro 2022

O Goberno acordou declarar un día de loito oficial, o vindeiro luns 21 de febreiro, con motivo do naufraxio do pesqueiro galego Villa de Pitanxo en augas de Terranova (Canadá). Así o avanzou a portavoz do executivo, Isabel Rodríguez, tras a reunión do consello de ministros

Isabel Rodríguez, portavoz do Goberno
Isabel Rodríguez, portavoz do Goberno

O Goberno acordou declarar un día de loito oficial, o vindeiro luns 21 de febreiro, con motivo do naufraxio do pesqueiro galego Villa de Pitanxo en augas de Terranova (Canadá).

Así o avanzou a portavoz do executivo, Isabel Rodríguez, tras a reunión do consello de ministros.

O titular de Exteriores, segundo Rodríguez, traballa "permanentemente" co Goberno de Canadá e está a falar coa súa homóloga canadense, Melanie Joly, para que "segundo permitan as condicións meteorolóxicas se poida seguir coa tarefa de procura de desaparecidos".

O barco canadense que transportaba os corpos sen vida de dous pescadores recuperados do naufraxio do pesqueiro chegou xa ao porto de San Xoán de Terranova.

A portavoz sinalou que mañá tamén chegará ao mesmo porto o barco galego que estaba a faenar en Terranova, que traslada a tres sobreviventes e aos outros sete falecidos.

Tras reiterar as condolencias aos familiares e amigos dos falecidos e desaparecidos, a ministra mostrou o apoio do Goberno ao sector da pesca, que "faena en condicións de perigo e traballa para asegurar a alimentación".