Corenta e catro postos distribuídos por todo o recinto portuario deron vida a unha nova edición, a número 42, a Feira da Cebola de Sanxenxo. A vila rendeu un ano máis o seu tributo á cebola cunha festa multitudinaria e chea de actividades.
No marco desta celebración celebrouse o acto de entrega das Cebolas de Ouro ao cómico Xurxo Carreño e a Lola Villalustre, ex traballadora de telefonía e veciña de Sanxenxo.
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, que agradeceu o labor que ambos realizan para dar a coñecer o municipio, destacou que ambos están relacionados coa comunicación.
"Mentres que Lola foi a moza do cable en Sanxenxo, a través da súa central en Rúa Progreso, nunha época na que poucas casas tiñan teléfono, Xurxo representa a nova forma de comunicación, as tecnoloxías e as redes sociais", destacou Martín na súa intervención.
Tras a imposición da Cebola de Ouro a Lola Villalustre, a súa neta, Paula Torres, foi a encargada en nome da súa avoa, de agradecer o premio.
Visiblemente emocionada, Torres asegurou que "a miña avoa, aínda que agora non poida expresalo con palabras, estou segura de que sente unha profunda emoción e agradecemento por esta homenaxe" que fixo extensiva "a todas as mozas de cable que foron as súas compañeiras, a Palucha, Ana, Peregrina, Lucinda, Laura, Toya, Maricarmen, Lady, Ninucha, Veva, Cuchus e Mari".
"Esta homenaxe non é só para ela, senón para todas vós", sentenciou.
Para Xurxo Carreño, a noticia, segundo el mesmo explicou, colleulle por sorpresa e aínda, algo atafegado, polo galardón "agradeceu" o recoñecemento e asegurou sentirse "moi a gusto" no seu novo lugar de residencia, Portonovo.
Lembrou as súas primeiras vivencias en Sanxenxo, hai vinte e cinco anos e as xornadas de pesca co seu avó no porto. "De Sanxenxo gardo os mellores recordos da miña vida", dixo.
Carreño mostrou o seu tirón entre os máis novos. Tras finalizar o acto decenas de nenos e nenas esperábano para facerse unha foto con el e caderno en man para que lle asinase un autógrafo.
PREMIO PARA AS "CEBOLEIRAS"
Como en cada edición, premiouse a ristra máis longa, que neste caso alcanzou os 235,20 metros realizada por Yudite Dous Reis, seguida dunha de 65,10 metros de María Ángeles Cacabelos, unha de de 42,55 metros de Herminda Rita Pombo e outra, de 29,90 metros de Aurea Garrido.
Tamén se recoñeceu a cebola máis grande, de 1.500 gramos, cultivada por María José Carramal, seguida dunha de 0,962 quilos de María Angeles Cacabelos e de 0,922 de María Aurea Garrido, que recibiron senllos accésits.
En canto ás composicións artísticas, unha vez máis quedou patente o talento. As premiadas foron A Telleira dos Seixiños, a Agricultura Tradicional e A Escola de Vela. A novidade desta edición foi o posto mellor presentado que foi para María José Carramal.