No ecuador do seu mandato, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, fixo balance destes primeiros dous anos de goberno, un período no que, segundo el mesmo destacou, o apoio aos concellos da provincia foi o seu "sinal de identidade".
López, que reuniu a todo o seu goberno nunha xornada de traballo na Lama, subliñou que esa aposta polo municipalismo "é un dos nosos piares" e seguirá sendo o principal eixo de acción, especialmente pensando xa nos orzamentos de 2026.
Así, ademais dos programas de investimento directo, o titular da Deputación subliñou os máis de 1,8 millóns de euros destinados polo organismo provincial para desenvolver labores de asistencia aos concellos ao longo dos dous primeiros anos de mandato.
Este apoio tradúcese en máis de 300 informes xurídicos e técnicos, máis de 200 apoios en tribunais de procesos selectivos, máis de 140 asistencias técnicas recepcións de obras ou subministracións ou preto de 125 vehículos abandonados retirados en 44 concellos.
Para Luis López, é unha "asistencia fundamental" porque son servizos que, por falta de medios materiais, humanos ou económicos, aos concellos medianos e pequenos lles é imposible prestar.
A iso sumou outras accións como a elaboración de modelos de pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas, así como ordenanzas, bandos, bases de procesos selectivos, regulamentos, convenios ou expedientes.
Neste traballo enmárcanse tamén a remisión de circulares e notas informativas, a maior facilidade no acceso á información pública, a apertura dun novo espazo de transparencia nos procesos selectivos ou a implantación dunha canle interna de denuncias para a loita contra a corrupción.
"O municipalismo rexe a acción deste goberno", afirmou o presidente provincial, que recordou que o vindeiro martes organizará por primeira vez na historia da Deputación un acto de balance dos dous primeiros anos de goberno en Vigo.
Será un acto ao que asistirán representantes de todos os ámbitos da provincia para dar a coñecer os logros do goberno provincial ao longo destes dous primeiros anos do goberno de Luis López e presentar as liñas estratéxicas do futuro.