Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, anunciou que o goberno provincial celebrará este venres e sábado unhas xornadas de traballo na Lama para facer balance dos dous anos de mandato e definir as liñas estratéxicas para o curso 2025-2026.
Ademais, o vindeiro martes 1 de xullo terá lugar en Vigo un acto institucional de balance baixo o lema "Escoitar, entender, atender: dous anos tendendo pontes".
O presidente destacou que é a primeira vez que este acto se celebrará en Vigo, "unha cidade fundamental dentro da axenda da Deputación", onde a vicepresidenta Luisa Sánchez "desempeña un papel clave para os vigueses e as viguesas".
Por outra banda, a Deputación de Pontevedra aprobou este venres na súa Xunta de Goberno investimentos por valor de case 3,7 millóns de euros destinados a dinamizar concellos, apoiar entidades deportivas e potenciar diversos servizos provinciais, segundo informou o presidente da institución, Luis López.
Entre os investimentos destacan os 14.000 euros para a programación de visitas guiadas á Estación Fitopatolóxica de Areeiro ou os 300.000 euros para a aquisición de vehículos para equipos deportivos.
ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DE AREEIRO
A prórroga do servizo de visitas guiadas gratuítas á Estación Fitopatolóxica de Areeiro, que abrangue todo o ano 2025, permitirá seguir abrindo estas instalacións á cidadanía.
"Estas visitas, dirixidas a grupos de ata 30 persoas, organízanse de luns a venres de 9 a 14 horas e os sábados de 10 a 14 horas, cunha duración aproximada de 2 horas", explicou López, quen destacou que son gratuítas e que se pode acceder a través dun formulario dispoñible na páxina web de Areeiro.
O presidente subliñou que Areeiro é "un centro de alto prestixio nacional e internacional no ámbito da sanidade vexetal e forestal".
POLÍGONO DE BARRO
No ámbito da promoción e dinamización económica, a Xunta de Goberno aprobou a concesión dunha parcela no polígono de Barro que ocupará Hierro y Metales Carballeda, por valor de case 300.000 euros.
O presidente provincial manifestou a súa satisfacción polo desenvolvemento deste polígono, onde "das 76 parcelas que o constitúen, quedan dispoñibles só 12, e 2 xa están reservadas en vías de tramitación".
En total son 28 as empresas xa instaladas, entre elas Froiz, así como instalacións da propia Deputación como o Viveiro de Empresas ou o Parque de Maquinaria. López cualificou o polígono como "estratexicamente situado" e como "un dos grandes polos económicos de Galicia".
DEPOVAN
O programa DepoVAN, dotado con 300.000 euros, permitirá ás entidades deportivas da provincia adquirir vehículos, remolques ou aparellos específicos para deportistas con discapacidade.
O orzamento distribúese en 150.000 euros para entidades de calquera modalidade, 100.000 euros para especialidades acuáticas e 50.000 para entidades con deportistas con discapacidade.
"As entidades poderán recibir ata 25.000 euros para vehículos novos, 15.000 para vehículos de segunda man e 5.000 euros para remolques ou adaptacións para persoas con discapacidade", detallou López que presentaba a mediados desta semana este programa na avenida Montero Ríos.

PROXECTO +RUEIRO
A Deputación adxudicou o contrato de servizo de execución do proxecto "+Rueiro" por valor de 1,5 millóns de euros, destinado a modernizar o padrón e o censo de vivendas en 59 concellos da provincia.
Esta iniciativa, financiada con fondos europeos, dotará a cada municipio dunha base de datos de vivendas unificada a nivel nacional e xeolocalizada.
"Imos crear unha plataforma de numeración dixital das vivendas para que cada concello poida xestionar o seu rueiro e mantelo actualizado", explicou o presidente.
PLAN +PROVINCIA
A Xunta de Goberno aprobou máis de 1,5 millóns de euros para que doce concellos da provincia realicen investimentos a través do Plan +Provincia.
Os concellos beneficiarios son Gondomar, O Grove, Vilagarcía de Arousa, O Porriño, Cerdedo-Cotobade, Vilanova de Arousa, Meis, A Lama, A Cañiza, Moaña, Salceda de Caselas e Tui.
Destaca especialmente o investimento en Vilagarcía de Arousa, onde a Deputación financiará ao 100% a humanización da Rúa Bouza de Abaixo en Vilaxoán, cun orzamento de 716.000 euros.
CENTRO DE ACOLLIDA ANIMAL (CAAN)
Fóra da orde do día, López fixo balance do Centro de Acollida Animal (CAAN), coincidindo cunha moción presentada polo Grupo Socialista no pleno deste venres.
O centro presta servizo a 52 concellos da provincia e puxo en marcha un programa de control de colonias felinas que xa tratou a preto de 1.200 gatos.
A porcentaxe de adopcións este ano é do 68%, fronte ao 29% durante o goberno anterior. O investimento incrementouse nun 37%, pasando de 624.000 euros a máis dun millón.
O presidente destacou tamén a presenza do centro en feiras de mascotas, as visitas a sete centros educativos para sensibilizar sobre o benestar animal e un orzamento de 30.000 euros para accións de concienciación. Ademais, mencionou a mellora dos quirófanos e os equipamentos de diagnóstico clínico, así como os trámites para adquirir equipos de análise bioquímica.
VÍA VERDE DAS RÍAS BAIXAS
López anunciou tamén a adxudicación do estudo de factibilidade do novo tramo Redondela-Pontevedra da Vía Verde das Rías Baixas á Fundación de los Ferrocarriles Españoles, "un dos maiores especialistas en España na habilitación de vías férreas en desuso para convertelas en sendas verdes".
Este estudo analizará o estado actual da vía, as alternativas de trazado, a dispoñibilidade xurídica, os servizos complementarios e a potenciación da vía en canto a patrimonio cultural e contorno natural.
O presidente destacou que seguen traballando no proxecto "aproveitando a oportunidade que se abriu cando ADIF mostrou a súa disposición a ceder as vías".