A Deputación de Pontevedra presentou este mércores DepoVAN, unha nova liña de axudas cun orzamento de 300.000 euros destinada a facilitar que os clubs deportivos da provincia poidan adquirir vehículos, remolques ou aparellos adaptados para persoas con discapacidade.
A iniciativa, que busca dar resposta ás dificultades crecientes no transporte de deportistas e material, foi presentada polo presidente provincial, Luis López, e a vicepresidenta e responsable de Deportes, Luisa Sánchez, diante de representantes de entidades deportivas pontevedresas.
"Falamos duns bens moi necesarios para os clubs, aos que moitas veces non lles é nada doado acceder a eles por cuestións económicas”, recoñeceu o presidente Luis López. A vicepresidenta Sánchez engadiu que a creación do programa responde "á escoita activa das necesidades do tecido deportivo”, recollidas ao longo de múltiples encontros e eventos cos clubs.
O programa está estruturado en tres bloques de financiamento:
-
150.000 euros para clubs de calquera disciplina,
-
100.000 para especialidades acuáticas,
-
50.000 para entidades con deportistas con discapacidade.
Cada entidade poderá solicitar ata 25.000 euros para a compra de vehículos novos, 15.000 se son usados, e un máximo de 5.000 euros para adquirir remolques, facer adaptacións ou mercar dispositivos específicos para persoas con discapacidade.
As axudas concederanse por concorrencia competitiva, valorando aspectos como o número de licenzas, a participación en competicións oficiais, a poboación do concello ou se a entidade xa dispón de vehículos.
O programa vai aprobarse na Xunta de Goberno deste venres. O prazo para solicitar as axudas será de 30 días hábiles desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia, e as compras deberán estar xustificadas antes do 31 de xaneiro de 2026.
Durante a presentación, diversos representantes do deporte pontevedrés agradeceron a iniciativa. Santiago Picallo, presidente do Club Balonmano Cisne, puxo o foco no incremento dos custos de transporte nos últimos anos, estimando subas entre o 20 e o 30 %. "É unha gran idea recuperar esta axuda e adaptala ás necesidades actuais”, afirmou.
Desde o Club AMFIV de Vigo, o seu presidente Chechu Beiro salientou a dificultade de transportar cadeiras de rodas e outro material específico. "Non é só a achega económica, senón a sensibilidade que amosa a Deputación cos clubs con necesidades especiais”, apuntou.
Tamén fixo uso da palabra Luis Pena, presidente do club de surf adaptado Quenlla, quen destacou a importancia de acceder a praias con vehículos adaptados para mellorar a visibilidade e accesibilidade do deporte inclusivo: "Todo deporte é calidade de vida. Grazas por este impulso”.
Pola súa banda, David Lorenzo, adestrador do Club de Piragüismo As Torres de Catoira, agradeceu a medida lembrando que "non só é cuestión de levar deportistas, senón tamén todo o material e embarcacións”.
Tamén asistiron ao acto un grupo de integrantes de 'dragon boat' Libélulas de Pontevedra.
Luis López fixo balance do investimento da Deputación no eido deportivo nos últimos dous anos: máis de 36 millóns de euros en equipamentos, 215 actuacións en infraestruturas, 720 axudas a deportistas e un incremento do 50 % no apoio ao tecido deportivo. "Poderiamos darnos por satisfeitos, pero non nos conformamos. Queremos avanzar”, sinalou durante o acto celebrado diante do Pazo Provincial.

